www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 22 de Marzo de 2019

Soutomaior demanda á Xunta o inicio das obras de saneamento na ría
Política • 26/02/2019
Autor: M. X. Queimaliños

O pleno aprobou por unanimidade unha moción do BNG neste sentido que pasa por enviar un escrito a Augas de Galicia para esixir que se concreten prazos para o saneamento e que se inicien coa maior urxencia as obras nas depuradoras de Arcade e Comboa. Tamén se aprobou dar axudas ao sector marisqueiro para sementar ameixa naquelas zonas afectadas pola mortaldade do marisco.


O Concello de Soutomaior celebrou un pleno extraordinario solicitado polo BNG para acadar un acordo para o saneamento da ría de Vigo. Durante o pleno, o portavoz municipal do BNG destacou que "o saneamento da ría é algo que debe unirnos a todos e a nosa intención é a de acadar ese acordo para que o saneamento se execute dunha vez por todas e para que poidamos atender ás necesidades do noso sector marisqueiro."


O obxecto da moción aprobada é que se determinen as partidas para as depuradoras xa que estas non aparecen nos orzamentos da Xunta por ser parte dos fondos FEDER "levamos anos con esta problemática e tan só vemos anuncios xa que a día de hoxe non sabemos os prazos de cando se van iniciar as obras". O acordo pasa por enviar un escrito a Augas de Galicia poñendo de manifesto a importancia desta actuación para o concello e esixindo que se nos dean os prazos e a información dos proxectos de mellora das dúas EDAR do concello de Soutomaior.


Manu Lourenzo destacou que "hai máis de 8 meses que se anunciou un investimento de 2,5 millóns de euros para as depuradoras de Arcade e Comboa pero a día de hoxe os meses pasan e as obras non chegan".


O BNG tamén propuxo unha partida de 20.000 euros para axudar ao sector marisqueiro polos problemas derivados da mortaldade de ameixa que se produciu nalgunhas zonas. Unha cantidade que se destinaría a sementar ameixa. Malia apoiarse a proposta o PP pospuxo a súa contía a unha xuntanza na vindeira semana cos representantes do sector.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: