www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 23 de Setembro de 2019

O meco de Redondela reivindica a gratuidade da peaxe e condena a Fomento a arder na fogueira
Sociedade • 26/02/2019
Autor: M. X. Queimaliños

O meco instalado na praza do Concello recupera este ano o seu espírito reivindicativo coa figura dun voitre que quere representar a falta de compromiso de Fomento á hora de cumprir a súa promesa coa gratuidade da peaxe en Rande. Dende o mediodía de onte os veciños poden xa contemplar esta figura que desaparecerá entre as lapas o martes de entroido na tradicional queima do meco. Previamente o domingo celebrarase o desfile de comparsas que contará este ano cun total de 23 agrupacións.


Pechado xa o prazo de inscrición serán un total de 23 as comparsas que este domingo encherán as rúas do casco urbano de cor, música e festa, nun desfile que sairá ás 18:00 horas dende o Campo da Feira para desfilar polo centro da vila e participar dun concurso que repartirá un primeiro premio de 900 euros, un segundo de 600 e un terceiro dotado con 300 euros. Haberá ademais como novidades outros premios de 500 euros a comparsa cos integrantes máis novos, a comparsa máis divertida e un premio especial de inclusión á diversidade que premiará a comparsa con maior número de participantes que teñan unha discapacidade. 


Por outra banda, os nenos e nenas que queiran participar do entroido infantil que se celebra natarde do sábado deben inscribirse antes do vindeiros xoves día 28. Unha programación orientada aos máis cativos que inclúe un obradoiro de elaboración de disfraces e instrumentos con material reciclados que se desenvolverá no paseo da xunqueira e que conta cun totlde 120 prazas dispoñibles. Haberá tamén inchables e un desfile dende a praza de Ribadavia ata a praza da Constitución. Ás 20:30 horas a xornada rematará cun concerto infantil a cargo do grupo "As aventuras de Paio".


As actividades rematará o sábado 9 coa queima do berete na praia de Arealonga en Chapela. Unha actividade que inclúe tamén unha numerosa comitiva que este ano contará coa presenza de 17 comparsas.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: