www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 14 de Novembro de 2019

O derrube dun lateral do Alvedosa deixa no aire un tramo da beirarrúa en Ernestina Otero
Sucesos • 21/02/2019
Autor: M. X. Queimaliños

O derrube dun lateral da canle do río Alvedosa, coa caída de numerosas pedras que deixou practicamente no aire un tramo da beirarrúa na rúa Ernestina Otero, obrigou a colocar un valado de advertencia para evitar que os peóns pasen polo tramo afectado. A reparación terá que esperar xa que os técnicos aconsellan que eses traballos non se realicen ata que non diminúa o caudal do río.


Dende hai xa días un valado impide o paso dos peóns por un tramo duns dez metros da beirarrúa en Ernestina otero. A medida de protección colocouse logo de que un lateral da canle do río se viñera abaixo nas inmediacións da estrada á altura do parque infantil da Xunqueira.


Un derrube que segundo explica o concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Ángel Álvarez, é consecuencia da erosión lóxica que a auga fixo no lugar e atendendo a que a canalización fíxose hai décadas co conseguinte deterioro do material co paso dos anos.


Agora será preciso acometer unha obra para retirar as pedras que caeron ao leito do río e levantar o muro derrubado, consolidando este tramo para evitar novos afundimentos que poderían incluso afectar á estrada. De feito, o edil non descarta que o derrube poida ir a máis no caso de que se produzan enchentas ou fortes precipitacións que incrementen a forza da auga.


Con todo, os traballos de reconstrución do muro terán que esperar ata que diminúa o caudal do río para poder así desvialo e permitir aos operarios traballar no lugar.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: