www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 23 de Setembro de 2019

15.000 sinaturas esixen a eliminación da peaxe en Rande
Política • 15/02/2019
Autor: Lorena Otero

Durante as tres primeiras semanas da campaña de recollida de firmas foron preto de quince mil as persoas que asinaron a petición de eliminación da peaxe en Rande. Recollida que continuará nas vindeiras semanas e que se fará extensible aos concellos limítrofes. Tamén se buscará o “compromiso firme” dos partidos para que inclúan no seu programa electoral, de cara ás eleccións do 28 de abril, a eliminación da peaxe.


Estes foron os principais acordos que tomaron a Asociacións de Veciños de Chapela e Trasmañó, a Plataforma de Afectados pola AP-9, a Asociación de Empresarios de Redondela, que se reuniron este venres no Multiúsos da Xunqueira convocados polo alcalde de Redondela e na que tamén participou a Federación de Veciños de Vigo. Unha xuntanza na que Javier Bas agradeceu a implicación e o traballo realizado polos colectivos na campaña "Basta peaXe Rande" que conseguiu preto de 15.000 firmas en tres semanas. Unhas firmas que estaba previsto entregarlle a Fomento na reunión da comisión mixta de Xunta e Ministerio en Madrid e que agora quedan pendentes dos cambios que se poidan producir pola convocatoria de eleccións xerais o 28 de abril. A campaña de recollida de sinaturas continuará nas próximas semanas e levarase aos concellos da área metropolitana para conseguir o maior número de apoios posibles.


Malia o cambio de escenario político, o concello, colectivos sociais e plataforma de afectados continúan apostando pola celebración dunha gran mobilización aínda que todo dependerá dos cambios que provoque esa convocatoria electoral.


 


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: