www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 20 de Xuño de 2019

Redondela convoca a II edición do Premio Viadutos de novela dotado con 3.000 euros
Cultura • 14/02/2019
Autor: M. X. Queimaliños

Redondela premiará con 3.000 euros ao gañador deste concurso literario que no ano pasado recaeu na obra "Os bicos feridos" de Ana R. Figueiredo. A recepción de traballos para participar nesta II edición permanecerá aberta até o 29 de marzo. A obra premiada será publicada pola Editorial Galaxia.


A Concellería de Xuventude de Redondela presenta a segunda edición do Certame Literario Viadutos de Novela, na que poden participar todas as persoas interesadas sempre que sexan maiores de 18 anos. Ademais, como requisito indispensable, as obras presentadas deben estar escritas en galego.


As bases do certame, que están dispoñibles tamén na web do Concello, www.redondela.gal, sinalan como características principais a orixinalidade da obra que o candidato presente e non se aceptarán aquelas que xa tiveran sido publicadas ou premiadas.


O ganador do concurso recibirá un premio en metálico por valor de 3.000 euros e terá a oportunidade de que a Editorial Galaxia edite e comercialice a súa obra.


A recepción dos textos, que deberán ter un mínimo de 100 páxinas, estenderase até o vindeiro 29 de marzo. As obras faranse chegar debidamente identificadas ao Multiusos da Xunqueira, á atención do Departamento de Xuventude, que é o encargado da recepción.


Desde as áreas de Xuventude e Cultura destacan a importancia da continuidade do concurso, posto que "é unha aposta en firme pola cultura da vila, con especial importancia da que crean os artistas e autores locais".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: