www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 20 de Febreiro de 2019

Rematan as obras de reposición de servizos na contorna da Rúa Cubillón en Chapela
Política • 14/02/2019
Autor: M. X. Queimaliños

As actuacións contaron cun investimento do 248.202,75 euros e consistiron na renovación das redes de servizos, abastecemento, saneamento e pluviais, así como a canalización de alumeados. As rúas afectadas foron Camiño Real de Angorén, Cubillón, José Fernández López, Manuel Rodríguez Casal, Laredo e González Morant.


O deputado provincial, Carlos López Font, e a deputada Digna Rivas visitaron este mércores as obras de reposición de servizos na contorna da Rúa Cubillón, en Chapela, actuacións que se executaron coas achegas do Plan Concellos 2017 da Deputación de Pontevedra. Na visita participou tamén o alcalde de Redondela, Javier Bas, así como varias concelleiras e concelleiros municipais.


As actuacións visitadas consistiron na mellora e renovación das redes de servizos, abastecemento e saneamento no Cubillón e rúas adxacentes. Máis polo miúdo, en Camiño Real de Angorén, renovouse a rede de pluviais, saneamento e abastecemento, substituíndo a rede existente e canalizando o soporte para a rede de alumeado. Nas rúas Cubillón, José Fernández López e Manuel Rodríguez Casal, tamén se renovaron as redes de pluviais, saneamento e abastecemento con nova tubaxe, ao tempo que se substituíron as existentes de fibrocemento. Nas rúas Laredo e González Morant, renovouse a rede de pluviais, saneamento e abastecemento, cambiando tamén a actual de fibrocemento. Dispuxéronse ademais chaves de corte e demais elementos de válvulas, renovando os existentes, e repoñendo as acometidas. Todos os traballos incluíron a reposición de firmes sobre os que se actuou.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: