www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 22 de Setembro de 2019

O C.D. Choco, a seguir coa boa racha
Deporte • 13/02/2019
Autor: Ana Prieto

O equipo que adestra Gonzalo Fernández "Gonza" suma oito xornadas sen coñecer a derrota, logo do empate colleitado no campo do Vilalbés. Unha xeira moi positiva e que reflicte a notable melloría do equipo nos últimos meses, sobre todo nos partidos fóra da casa. Este domingo agardan ao Ribadumia en Santa Mariña.


Cun sabor "agridoce", así regresou o C.D. Choco da Magdalena, onde acadaron un empate logo de ir por diante no marcador ata os últimos 10 minutos, cando os locais anotaron o 1-1 nunha acción a balón parado protestada polo club redondelán. Con todo, o adestrador amósase "moi satisfeito" co rendemento do equipo, que leva oito xornadas sen coñecer a derrota. Os número do Choco melloraron moito, sobre todo nos partidos que xogan como visitante, e iso nótase. A próxima cita será en Santa Mariña, onde xogan o domingo ante o Ribadumia, equipo situado na metade baixa da táboa. No partido de ida, o Ribadumia impúxose por 2-1. Agora a táboa reflicte que o Choco é 9º e o Ribadumia 16º, con 9 puntos menos que os redondeláns. "Gonza" augura un partido complicado, xa que o rival está pelexando por afastarse dos postos de descenso, e o Choco afronta o partido con numerosas baixas.


Fichaxe de Isaac Santiago


Para tentar cubrir as ausencias que deixan as numerosas lesións que está a sufrir o Choco esta temporada, o club acaba de confirmar a fichaxe de Isaac Santiago, que aos 31 anos, reforza o equipo logo de sete temporadas sen militar en equipos federados. De rapaz xogou no club redondelán, e pasou tamén por Rápido de Bouzas, Pontevedra, Caselas, Nigrán e Arbo. Trátase dun reforzo veterano, pero moi versátil, un xogador de ataque con "perfil Choco", como explica o técnico. Santiago precisa "coller o ritmo de competición" e no club confían en que poida axudar ao equipo na recta final da temporada tanto na liga como na Copa Deputación.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: