www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 20 de Febreiro de 2019

O PSOE denuncia a falta de accesibilidade das dependencia de Servizos Sociais
Política • 13/02/2019
Autor: M. X. Queimaliños

A candidata socialista á alcaldía de Redondela, Digna Rivas, reitera as súas críticas pola falta de accesibilidade das dependencias destinadas a Servizos Sociais. Lembra que hai tres anos acordouse en pleno, cos votos a favor do PSdeG-PSOE, AER e BNG, analizar o traslado dos Servizos Sociais e Igualdade a un dos baixos de Regojo, de 300 metros cadrados cedido por Profaro Terren S.L. así como reubicar os Servizos Sociais e CIM redistribuíndo o espazo na súa ubicación actual sen que se teña feito nada ata o de agora.


"Buscábase -explica Digna Rivas- que as persoas con diversidade funcional puideran utilizar os servizos sociais sen ningún tipo de barreira arquitectónica, dado que o seu actual emprazamento non contempla as mínimas medidas de accesibilidade"


Dende maio de 2016, o acordo plenario segue sen cumprirse "algo xa habitual na conduta política de Javier Bas que obvia de xeito reiterado os acordos plenarios esquecendo que, os partidos da Corporación, representan aos veciños e veciñas que os votaron".


No pasado mes de xaneiro, o Pleno debatía unha nova moción do PSOE na que se pedía, por unha banda, o cumprimento dos acordos do Pleno de maio do 2016 e, por outra, que se informase aos grupos políticos a oposición do proceso en que se atopa o local cedido por Profaro Terrenos, S.L. para o futuro uso de servizos sociais.


Unha vez máis, sinala a candidata socialista, Digna Rivas, "o Goberno do PP fixo gala da súa insensibilidade e falta de empatía coas persoas con diversidade funcional, ao non facilitar ningún tipo de información e non dar ningún tipo de solución aos usuarios e usuarias deste servizo".


Mentres, lembra a concelleira "a veciñanza con problemas de mobilidade ten que ser atendida na sala de concelleiros da Casa do Concello, sen ningún tipo de respecto á súa intimidade e sen garantir un lugar fixo para as entrevistas" e "os baixos do inmoble que acolle aos Servizos Sociais, son ocupados por outras dependencias que ben poderían estar no primeiro andar, deixando un lugar accesible, como é a planta baixa, para un servizo utilizado con frecuencia por persoas de mobilidade reducida".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: