www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 15 de Decembro de 2019

Murais contra o feísmo
Política • 5/02/2019
Autor: M. X. Queimaliños

A Agrupación de electores propón que se rehabiliten diferentes zonas do municipio, tanto do casco urbano como das parroquias, implantando un programa de murais artísticos e graffitis. Neste sentido instan ao goberno local a achegar financiamento e involucrar aos propietarios públicos ou privados das edificacións e infraestruturas candidatas a posibles intervencións artísticas.


AER presentará unha moción ao Pleno do Concello para que se implante un programa de murais artísticos (graffitis) para combater o feísmo arquitectónico. Na proposta, AER solicitará que o Goberno Local dispoña da financiación necesaria para levar adiante esta idea que busca decorar artisticamente as fachadas en formigón, ladrillo sen cubrir, muros de infraestruturas ou contención que atopamos en diferentes puntos do concello.


Entenden que "cada unha destas fachadas ou muros son unha oportunidade para converter o feísmo en arte" tal e como amosan intervencións que xa se teñen realizado en diferentes espazos, como por exemplo no marco do festival Millo Verde ou a realizada dende o propio concello no parque infantil da Alameda e que son unha mostra do potencial da arte urbana para decorar muros con pintura.


A proposta de AER sería extensible a todo o Concello, incluíndo os cascos urbanos de Redondela, Chapela ou Cesantes, pero tamén as parroquias. Ademais das intervencións máis evidentes coma neses cascos urbanos, AER propón que a iniciativa se estenda ás parroquias, particularmente a edificios públicos como colexios ou pavillóns deportivos.


Conclúen dende a formación que estas iniciativas, que xa teñen amosado o seu éxito en vilas e cidades diversas como en Vigo ou  o caso de Carballo e o programa "Derrubando muros con pintura" están convertendo estas vilas en auténticos museos ao aire libre que, en palabras dos seus promotores, buscan "curar con creatividade as feridas urbanísticas" que, ao igual que en tantas vilas galegas, deixou o crecemento urbano a partir dos anos 60.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: