www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 18 de Agosto de 2019

Rivas salienta o traballo dos colectivos e critica o "desinterese" do goberno local no eido cultural
Política • 4/02/2019
Autor: M. X. Queimaliños

A candidata socialista  á alcaldía, Digna Rivas, demanda unha política cultural "estable, planificada e seria" que garanta o labor que están a desenvolver os diferentes colectivos e asociacións da vila á hora de organizar festivais e actividades culturais. Defende a figura do "axente cultural" encargado da planificación cultural do concello e que traballe conxuntamente con colectivos e asociacións.


Digna Rivas reuniuse, nas últimas datas, coa asociación "Xente Titiriteira", organizadores do Festival Internacional de Títeres de Redondela, reunión que forma parte das que a candidata socialista está a manter con asociacións e colectivos vinculados ao eido cultural. Digna Rivas subliñou o traballo que realiza este colectivo  que foi quen de facer que o Festival Internacional de Títeres de Redondela sexa un referente non só en Galicia e no resto do Estado, senón a nivel internacional".


A candidata asegurou que, como todos os festivais e actos culturais que se celebran en Redondela, "medran e acadan importancia polo traballo das asociacións e colectivos que os promoven" e lamentou "o escaso apoio que reciben do Concello que, se ben subscribe convenios e promete o seu apoio, logo atrasa os pagos das subvencións sen ter en conta que os organizadores teñen que facer fronte a numerosos gastos".


Rivas lamentou "o absoluto desinterese" que amosa o Goberno de Javier Bas pola Cultura, como o demostra, sinalou, "que no que vai de mandato xa pasaron pola Concellería de Cultura, catro concelleiros e concelleiras" o que se traduce nunha política cultural "de continua improvisación e carencia de contidos" que da como resultado a desaparición de festivais como Redondela en Curto "toda unha referencia internacional no mundo audiovisual".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: