www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 18 de Outubro de 2019

Moda e influencers no Castelo de Soutomaior
Cultura • 1/02/2019
Autor: M. X. Queimaliños

A exposición "A moda en detalles" amplía a súa permanencia no Castelo de Soutomaior e ante a elevda presenza de público poderá visitarse ata finais de marzo. Neste mes de febreiro organizaranse visitas teatralizadas da man de María Vinyals e Coco Chanel. Así o anunciou a presidenta da Deputación, Carmela Silva nun acto celebrado na tarde de onte que contou coa intervención de Charo Froján, Lola Dopico e Mónica Mura amais de deseñadoras, artistas, blogueras e instagramers.


A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada da deputada Digna Rivas e do deputado Santos Héctor, así como da directora do Máster de Moda, Lola Dopico, da co-fundadora e deseñadora de D-DUE, Charo Froján, e da artista e deseñadora gráfica Mónica Mura, participou da visita guiada á mostra "A moda en detalles: Indumentaria e complementos" que está exposta no Castelo de Soutomaior. No percorrido, dirixido pola comisaria Natalia Fraguas, tamén asistiron unha vintena de bloggers e instagramers amais de público vinculado ao sector da moda. Ademais, a presidenta aproveitou a visita para anunciar que "grazas á afluencia de público e ao rotundo éxito acadado, "A moda en detalles" permanecerá un mes máis no castelo de Soutomaior, ata finais de marzo" e que está previsto "organizar a finais de febreiro e ao longo do mes de marzo visitas teatralizadas con María Vinyals e Coco Chanel como protagonistas".


Na visita á exposición púxose en valor a vinculación da moda dos séculos XIX e XX coas actuais tendencias, así como a súa relación co movemento feminista e enxalzouse esta disciplina como un elemento de expresión cultural que contribuíu á democratización da muller e á ruptura de clixé en torno ao corpo feminino. Así, recordouse que a moda favoreceu, dende principios do século XX, a que muller se convertese na dona do seu corpo, mostrándolle ao mundo os novos roles para os que socialmente estaba destinada. Sobre todo, no desenvolvemento de actividades que non só se reducisen ao ámbito doméstico e familiar despois da Primeira Guerra Mundial.


"A moda en detalles: Indumentaria e complementos" é a primeira acción cultural e complementaria que se desenvolve no Castelo de Soutomaior no marco das accións previstas para a posta en valor da musealización e o potencial histórico e cultural do edificio. A exposición, que poderá visitarse ata finais de marzo, recolle 200 pezas únicas da historia da moda feminina de finais do século XIX e principios do século XX que forman parte dos fondos do Museo de Pontevedra, moitas delas expostas por vez primeira en Soutomaior.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: