www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 22 de Agosto de 2019

Unha árbore caída en Trasmañó e pequenos asolagamentos, primeiros efectos de Helena
Sucesos • 1/02/2019
Autor: M. X. Queimaliños

Suspenden as actividades ao aire libre en toda a provincia ante a chegada desta borrasca que xa se deixou notar de madrugada e obrigou decretar a alerta vermella no mar por ondas de ata 8 metros e a alerta laranxa en terra. Espéranse refachos de vento que poderían superar os 100 kilómetros/hora polo que se recomenda extremar as precaucións ante posibles desprendementos, retirar obxectos de fiestras e balcóns e afastarse de edificios ruinosos, árbores e paneis publicitarios.


Procedente de Groelandia e tras pasar por Irlanda, Helena achégase inusualmente a Galicia favorecida pola situación máis ao sur do habitual do anticiclón das Azores. En Redondela os seus efectos deixáronse notar coa caída dunha árbore que obrigou a intervir a protección civil na subida a Trasmañó. Foi necesario retirala para que non impedira a circulación. En diversas zonas tamén o alumeado público viuse afectado e hai constancia dalgúns anegamentos sobre todo na zona de Cesantes.


Nas últimas horas xa se teñen constatadas as intensas chuvias desta sucesión de borrascas, lembramos a Gabriel o martes  e outra borrasca o mércores que deixaban 95 litros por metros cadrados en Fornelos. Ademais a auga e o vento provocaron preto dun cento de incidente nas estradas galegas como o desprendemento de pedras na madrugada de onte na saída de Cangas do Corredor do Morrazo que provocou un accidente sen feridos e obrigou a cortar a circulación.


En canto a situación que se espera para as vindeira horas estará marcada novamente polas fortes precipitacións e refachos de vento así como baixada dos termómetros. Iso si, Helena marchará rápido polo que remitirá maña. Este sábado espérase xa chuvias febles e apertura de claros ao longo da xornada e o domingo unha tregua pola mañá e unha nova fronte pouco activa de cara a noite.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: