www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 18 de Outubro de 2019

Redondela aproba abolir a monarquía
Política • 31/01/2019
Autor: M. X. Queimaliños

Redondela súmase ás cidades que piden a abolición da Monarquía logo de que se aprobara unha moción do BNG nese sentido. Concretamente a petición dos nacionalistas recolle a supresión da monarquía por tratarse dunha "institución anacrónica e antidemocrática" e aposta por un sistema republicano democrático. A proposta contou co apoio de todos os grupos presentes na corporación, agás o PP que se amosou en contra por entender que a poboación é "maioritariamente monárquica".


Unha petición que chegaba a pleno da man do BNG e que contou co rexeitamento frontal do PP quen salientou que o concello non ten potestade neste asunto. Aseguraba ademais a voceira Carmen Amoedo que "carece de sentido este acordo cando o 76% da poboación considera a Felipe VI un bo rei", dato que ao seu entender demostra que "España é eminentemente monárquica".


Si contou a proposta do BNG co apoio resto dos grupos da oposición. Así, dende o PSOE, Leonardo Cabaleiro salientaba que a súa formación defende no seu ideario o fortalecemento dos valores republicanos coa implantación da república por considerar anacrónica que a xefatura do estado sexa hereditaria debendo ser substituída por un sistema que sexa elixido pola cidadanía.


No mesmo sentido manifestábase o voceiro de AER, Noé Cano "no PP prefiren unha xefatura elixida por fecundación e non por votación" e rexeitaba os datos que abalarían o apoio social co que conta a monarquía "nas enquisas realizadas nas universidades o 90% dos votantes optaron por outra forma de goberno".


O BNG insistía na necesidade de trasladar estes debates tamén ao ámbito municipal e falaba da necesidade de "dar pasos para a modificación da constitución". Ademais da supresión da monarquía, os nacionalistas buscaban tamén unha declaración a favor da autodeterminación de Galicia aínda que neste caso non atoparon o apoio do pleno ao votar en contra tanto PP como PSOE.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: