www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 20 de Xuño de 2019

Soutomaior chama á participación veciñal na elaboración do plan de mobilidade do Concello
Sociedade • 31/01/2019
Autor: M. X. Queimaliños

Os veciños poderán facer as súas achega mediante enquisas, mesas de traballo e un cuestionario online que se difundirá a través das redes sociais. A iniciativa pretende servir como ferramenta de planificación estratéxica do termo municipal sobre a que logo desenvolver accións que fomenten unha mobilidade máis ecolóxica e respectuosa co medio ambiente.


O plan comezará cunha fase inicial de toma de datos e análises da situación actual, tras a cal se procederá a realizar un diagnóstico dos problemas de mobilidade detectados en espazos concretos. Por último, realizaranse as achegas necesarias para orientar a procura de solucións que mellore a mobilidade xeral do municipio e en especial a dos espazos públicos.


Como inicio do proceso de toma de datos, o equipo redactor comezou esta semana a recoller as opinións dos veciños mediante enquisas presenciais en distintos puntos do municipio. Unha tarefa que ademais servirá para cualificar a calidade dos espazos públicos e localizar puntos de especial interese á hora de planificar accións.


Como medida complementaria, a través das diferentes canles de información municipal, o Concello de Soutomaior porá a disposición de todos os veciños un formulario no que poderán expresar as súas propostas e as súas demandas.


O plan conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra e inclúe a organización de varias mesas de traballo e participación cidadá, que levarán a cabo en dependencias municipais, e nas que poderán participar todos os veciños que desexen achegar suxestións ou simplemente coñecer máis acerca do que supón a creación deste plan.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: