www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 24 de Xuño de 2019

Pilar Rodríguez, PACs en pé de guerra: "A situación en atención primaria é unha situación límite"
Sociedade • 30/01/2019
Autor: M. X. Queimaliños

Enfermeira e membro do colectivo "PACs en pé de guerra", Pilar Rodríguez será unha das participantes no acto informativo que o BNG de Redondela organiza este venres día 1 ás 20:00 horas na Casa da Cultura co obxecto de abordar a situación de deterioro que está a sufrir a sanidade pública en Galicia. Unha charla coloquio baixo o título "a saúde é un dereito non un negocio" que contará tamén coas intervencións da deputada nacionalista no Parlamento Galego, Montse Prado e o voceiro do BNG en Redondela, Xoán Carlos González.


O obxectivo é analizar as posibles accións interesadas que podería haber detrás do desmantelamento da sanidade pública. "Nos últimos tempos tense constatado un incremento dos seguros privados porque a xente busca alternativas ante unha sanidade con grandes listas de espera, demoras que chegan incluso a atención privada", así o entende Pilar Rodríguez, enfermeira que coñece ben o traballos dos Puntos de Atención Continuada (PAC,s), un servizo que leva semanas en folga para protestar polo progresivo e continuado empeoramento da sanidade pública.


Dende o colectivo Pac,s en pé de guerra comparten reivindicación con outros profesionais que busca coas súas protestas "mellorar os medios e o persoal dos centros de saúde e cambiar a forma de traballar para mellorar a atención ao paciente".


De todo isto falarase este venres día 1 de febreiro as 20:00 horas na casa da cultura de Redondela, nun acto organizado polo BNG de Redondela.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: