www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 20 de Xuño de 2019

O Castelo de Soutomaior acolle unha xornada sobre a contribución da moda ao feminismo
Cultura • 29/01/2019
Autor: M. X. Queimaliños

Participarán importantes referentes da moda en Galicia como a investigadora Lola Dopico, a deseñadora Charo Froján, a artista Mónica Mura e a comisaria da mostra, Natalia Fraguas. A xornada desenvolverase este xoves 31 e inclúe unha visita guiada á exposición "A moda en detalles".


Neste percorrido, no que se pretenden tender pontes entre a moda do século XXI e a do século XIX, participarán importantes referentes da moda en Galicia como son a directora do Máster en Deseño e Dirección Creativa Lola Dopico, a deseñadora da empresa D-DUE, Charo Froján, a artista e deseñadora gráfica, Mónica Mura e a comisaria da mostra Natalia Fraguas.


A presidenta de Deputación, Carmela Silva explicou que se trata dunha xornada de reflexión con estas catro mulleres como protagonistas "desvelarán moitas cuestións da moda do século XIX e principios do século XX". Ademais, a presidenta tamén afirmou que "o que queremos poñer en valor con esta iniciativa é a moda como elemento de expresión cultural e, ao mesmo tempo, a moda feminina de comezos do século XX como elemento democratizador da muller e de ruptura de clichés en torno ao corpo feminino". Como exemplo, Silva mencionou os códigos de cores de sufraxistas ou a moda de Chanel.


Unha actividade complementaria a exposición "A moda en detalles: Indumentaria e complementos (1870-1925)" , mostra que recolle pezas únicas da historia da moda feminina de finais do XIX e comezos do XX, pódese ver no castelo de Soutomaior ata o vindeiro 24 de febreiro.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: