www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 21 de Xullo de 2019

Taxistas de Redondela ante o conflito coas VTC: "compentecia si, pero coas mesmas condicións"
Sociedade • 28/01/2019
Autor: Ana Prieto

O conflito aberto no sector do taxi estoupou nas cidades de Madrid e Barcelona pero ameaza con facelo próximamente en Galicia. Hai mes estableceuse na Coruña a primeira empresa de VTC (Vehículo de Transporte con Condutor) coa plataforma Cabify. En Redondela os taxistas ven con preocupación unha competencia que consideran "desleal" e piden que se regule.


O coches con licencia VTC xa están nas cidades de toda Europa, hai un mes chegaron tamén a Galicia, concretamente a Coruña. Os taxistas redondeláns auguran que pronto estarán tamén en Vigo, e ven "con preocuapación a súa expasión", tal como apunta Miguel, que leva 8 anos como taxista en Redondela. De feito, advirten que en puntos como o aeroporto de Peinador xa traballan "de xeito encuberto", segundo advirte Antonio, un taxista con décadas de experiencia no municipio. Denuncian que no caso do aeroporto vigués están a cometer unha "ilegalidade", xa que utilizan a parada que está reservada exclusivamente para os taxis. Este polémico servizo, que se está a estender polas principais cidades europeas funciona con apliacións de telefonía móbil como Uber e Cabify. Nas plataformas VTC os usuarios poden contratar o servizo dun destes vehículos con antelación. Establécese o traxecto e tamén o prezo, que se pecha antes de comeaza a viaxe, polo que non inflúen os atascos ou outros imprevistos. Unha "vantaxe" segundo Noemi, redondelá usuaria do servizo de taxi e tamén nalgunha ocasión das VTC, cando viaxa a Madrid. Os taxistas de Redondela explican que non rexeitan a competencia, mesmo algúns como Miguel advirten que é positiva, para forzar ao sector a mellorar a calidade no seu servizo. Pero teñen claro que esta competencia non pode ser "desleal", tal como denuncian. Advirten que non poden competir en igualdade de condicións porque os taxis "están obrigados a pagar máis impostos e contan con máis restriccións", polo que están nunha situación "de total desventaxa". Tamén os clientes entenden o malestar dos taxistas. Noemi confesa que prefire o servizo de plataformas como Uber, por darlle máis seguridade e un prezo pechado, pero reclama "un trato igualitario para todos" en materia fiscal.


Regulación das VTC


Entre as medidas que demanda o sector do taxi está tamén o tempo de precontratación. Os taxistas piden que os VTC haxa que contratalos cunha marxe de tempo. Algunhas Comunidades Autónomas negocian que sexan 15 minutos como mínimo, outras falan dunha hora. Para os taxistas o fundamental é que o servizo das VTC se regule, e que a normativa se cumpra. Nun principio apostouse por limitar a concesión de licenzas deste tipo de vehículos a unha ratio dunha por cada 30 taxis. Con todo, a consecuencia da Lei Ómnibus o número de licenzas aumentou exponencialmente. A ratio non se cumpre. No caso de Redondela, cunhas 60 licenzas, só podería haber 2 coches VTC.


Conflito


En cidades como Madrid ou Barcelona o conflito entre taxis e VTC derivou en situacións de enfrontamentos e violencia. Na capital do Estado levan unha semana de folga, hoxe ocuparon o centro da cidade e foron desaloxados pola policía. Miguel rexeita as accións violentas dos taxistas que, malia ser compañeiro, non comparte. Entende que as agresións "non levan a ningunha parte e producen consecuencias aínda máis negativas para o sector". No medio desta guerra comercial que vive o sector atópase o usuario. Na Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) consideran que a "competencia é boa, pois obriga a mellorar o servizo e abre o abanico de prezos", pero demandan unha regulación a nivel estatal.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código:

Audios relacionados co artigo
Miguel taxista
Os taxistas de Redondela amósanse preocupados pola chegada das VTC a Galicia.
VTC en Peinador
Advirten que en puntos como o aeroporto de Peinador xa traballan "de xeito encuberto" segundo explica Antonio un taxista redondelán.
Noemi usuaria de taxi e VTC
O funcionamento dos VTC permite establecer previamente o traxecto e tamén o prezo a pagar o que supón unha "vantaxe" con respecto ao taxi.
Competencia desleal
Os taxistas de Redondela non rexeitan a competencia pero teñen claro que esta competencia non pode ser "desleal" tal como denuncian.
Equiparar servizos e obrigas
Tamén os clientes entenden o malestar dos taxistas e apostan por un trato "igualitario" en materia fiscal.
Regulación efectiva
Entre as medidas que demanda o sector do taxi está o tempo de precontratación e que a regulación sexa "efectiva".
Conflito violento
En cidades como Madrid ou Barcelona o conflito entre taxis e VTC derivou en situacións de enfrontamentos e violencia unha actitude que Miguel rexeita.