www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 21 de Xullo de 2019

O Camiño ao seu paso por Redondela crece en peregrinos e negocios
Sociedade • 25/01/2019
Autor: M. X. Queimaliños

Un total de 25 aloxamentos ofrecen o seu servizo ante a masiva chegada de peregrinos que no pasado ano viviu un repunte importante grazas a confluencia na vila dos dous tramos do camiños portugués. De feito, segundo os datos que manexa a Asociación de empresarios de Redondela os peregrinos supoñen, en computo anual, o 85% dos visitantes o que leva a que creza o número de negocios vinculados ao Camiño. Dende a Asociación de empresarios programan unha xornada orientada a este sector para o vindeiro 20 de febreiro.


A confluencia na vila dos dous tramos do camiño portugués está provocando unha explosión da oferta de aloxamento na vila. Non hai moito a única opción para un peregrino que chegaba a Redondela era aloxarse no albergue da Casa da Torre. Un espazo que quedaba pequeno ante o elevado número de persoas que pasaban polo noso municipio en dirección a Compostela. Ante esta demanda crecente foron moitos os que viron unha oportunidade de negocio e comezaron a aparecer os primeiros albergues privados, hospedarías e apartamentos. Unha oferta que a día de hoxe ascende a 25 establecementos de características variadas, dende as habitacións compartidas nos albergues ata o aloxamento en habitacións privadas con todas as comodidades.


Para mellorar a atención que estes aloxamentos poidan dar aos peregrinos e turistas, dende a Asociación de Empresarios de Redondela preparan unhas xornadas orientadas ao sector tras constatar que un 40% dos establecementos de hospedaxe xa están integrados na asociación. Dita xornada está previsto teña lugar en Redondela o vindeiro 20 de febreiro.


Dende o ano pasado a Asociación ven traballando no deseño de proxectos que dinamicen o sector e esperan que este ano xa comecen a dar os primeiros froitos. Con todo, dende a asociación lamentan a falta de apoio das administracións "un dos principais atrancos cos que nos estamos atopando é a faltade apoio económico para poñer en marcha iniciativas que precisan da implicación das administracións".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: