www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 18 de Outubro de 2019

Detido un veciño de Redondela e outro de Poio polo roubo dun sagrario no Álvaro Cunqueiro
Sucesos • 22/01/2019
Autor: M. X. Queimaliños

A policía nacional detivo a dous homes de 19 e 20 anos de idade, veciños de Poio e Redondela, logo de recibir unha chamada na que informaban de que foran vistos merodeando polo interior das habitación dos pacientes. Os axentes identificáronos e indicáronlles que volveran co familiar que tiñan ingresado. Á mañá seguinte o párroco comprobou que faltaba o Sagrario da Capela. A investigación logrou identificar a estes dous mozos como autores do roubo e proceder a súa detención acusados dun delito de roubo con forza. O Sagrario foi recuperado.


Os feitos iniciáronse o pasado día 9 de xaneiro, cando se recibe unha chamada do servizo de seguridade do Hospital Álvaro Cunqueiro, informando de queixas de varios pacientes que atoparan a dous mozos dentro da súa habitación. Unha dotación dirixiuse ao hospital, e tras entrevistarse cos vixiantes procederon a identificar a ambos os individuos, así como a realizarlles un cacheo preventivo de seguridade. Ao non atoparlles nada lles advertiron sobre a súa conduta e indicáronlles que debían permanecer na área maternidade, onde se atopaba a parella dun deles pendente de dar a luz.


Dúas horas máis tarde volveu recibirse outra chamada do servizo de seguridade do Hospital, na que informaban que viran a través do circuíto pechado de televisión a estes dous homes entrar e saír de varias habitacións. A patrulla volveu ao lugar e tras interceptalos realizoulles un cacheo de seguridade no que lles interviñeron case 400 euros en efectivo e varios cartóns prepago de televisión.


Sería xa á primeira hora da mañá cando o párroco da capela manifestou que, no transcurso da noite, roubaran un Sagrario que contiña no seu interior un Copón e unha Teca, cun valor superior aos 1000 euros.


Tras pór todo iso en coñecemento dos investigadores procedeuse a realizar unha investigación que apuntaba a estas mesmas persoas como autores do roubo polo que foron detidos e trasladados a dependencias policiais onde se comprobou que ambos contaban con antecedentes policiais anteriores, sendo rechamante o feito de que un deles xa contaba con 34 previos, a pesar da súa mocidade.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: