www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 22 de Agosto de 2019

Sanidade sanciona ao concello de Pazos pola falta de control na calidade da auga da traída municipal
Institucional • 21/01/2019
Autor: M. X. Queimaliños

A Consellería de Sanidade sancionou ao concello de Pazos de Borbén por infrinxir a lexislación vixente sobre a calidade da auga de consumo humano. Aseguran dende Alternativa veciñal que o expediente sancionador concluíu que se estaban a incumprir medidas acerca dos protocolos de control, da frecuencia das mostraxes e das medidas correctoras e preventivas. Cuestión esta que o alcalde Andrés Iglesias nega. Asegura que o concello sempre supervisou a calidade da auga e aclara que os problemas foron "trámites administrativos" responsabilidade do laboratorio que realizaba as análises".


Alternativa Veciña por Pazos explica que a inspección realizada detectou, entre outras eivas, falta de sinalización e protección das captacións de auga, análises incompletas e sen a frecuencia debida, ausencia de protocolos de limpeza e desinfección ou incumprimentos de turbidez sen notificar nin confirmar. Con estas deficiencias no control non se pode garantir a boa calidade da auga que se consume nos fogares conectados á traída municipal.


Engaden que o Concello recoñeceu a responsabilidade, o que lle permitiu reducir o importe da multa que finalmente foi de 360 euros. Con todo, para a formación política o feito en si resulta preocupante porque a o seu entender a "pésima xestión de Andrés Iglesias estea a poñer en risco a saúde de persoas" xa que "si ben algunhas das infraccións son incumprimentos de trámites administrativos, outras deixan á vista que a traída de auga municipal non estaba a ofrecer as garantías de salubridade precisas".


Cuestións estas que negan dende o goberno local. Explica o alcalde de Pazos de Borbén, Andrés Igresias, que a multa imposta por Sanidade responde a un problema no proceso administrativo de remisión de datos ao Sistema de Información Nacional de Auga de Consumo (SINAC) por parte do laboratorio contratado para realizar as análises na rede municipal de abastecemento. O problema foi que o laboratorio non remitiu en tempo e forma os resultados da calidade da auga á Consellería, que era unha das súas obrigacións contractuais polo que se rescindiu o contrato con ese laboratorio.


De todos os xeitos, explica o alcalde, "a calidade da auga sempre estivo controlada e con todas as análises pertinentes ao día".


Por último, Iglesias acusou ao portavoz da oposición de irresponsabilidade "ao tentar crear unha alarma social infundada nun tema tan serio como o abastecemento de auga".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: