www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 12 de Decembro de 2019

Redondela pide eliminar a bonificación do IBI a Audasa
Política • 18/01/2019
Autor: M. X. Queimaliños

O pleno de Redondela aprobou por unanimidade unha moción presentada polo PP na que se insta ao goberno do estado a que realice as modificacións pertinentes de cara a eliminar a bonificación do IBI a Audasa. Un beneficio fiscal que permite á concesionaria da autoestrada aforrase un 95% deste imposto. Todos os grupos votaron a favor da moción malia criticar o "oportunismo político do PP, que cando gobernaban e Madrid votaron en contra dunha proposta idéntica presentada por En Marea".  Esta medida permitiría ao Concello ingresar por este concepto 133.000 euros máis.


A portavoz do PP, Carmen Amoedo explicaba que a día de hoxe o concello de Redondela recibe de Audasa tan só 7.000 euros en concepto de pago do IBI ao beneficiarse dunha exención fiscal do 95% que en caso de eliminarse permitiría incrementar esa taxa ata os 140.000 euros.


Unha proposta que foi apoiada por todos os grupos quen recriminaron sen embargo o que cualificaron de "oportunismo político do PP". Así, o concelleiro non adscrito Enrique Fojo lembraba que os populares votaran en contra desta reclamación cando a presentara En Marea e Podemos. "petición que os populares rexeitaron mentres Mariano Rajoy gobernaba en Madrid, alégranos que por fin se rendan ao que é xusto e se sumen a nosa demanda" e concluía afirmando que "non é que apoiemos a moción, e que a moción é nosa".


Tamén no BNG secundaban a moción malia criticar o que cualificaron de "cinismo político" do PP de quen din "funcionan só en base ao rédito electoral, submisos mentres os seus gobernan en Madrid e practicamente Kale borroka cando gobernan outros".


Dende AER poñían en dúbida esta petición atendendo a que outros concellos ou incluso a propia Deputación o solicitara no seu día sendo a petición rexeitada polo Tribunal Supremos. Roberto Darriba defendía como mellor opción seguir os pasos doutros concellos trasladando esta demanda á Unión Europea.


Finalmente a socialista, Digna Rivas sumábase aos argumentos do restos dos grupos lembrándolle ao PP que "cando gobernaban en Madrid non se lle pasou pola cabeza presentar algo así". Engadía que o seu grupo ía votar a favor "porque nos defendemos os intereses de Redondela independentemente de quen estea no goberno".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: