www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 18 de Agosto de 2019

Teresa París: "Non imos prescindir do festival, o Redondela en curto vaise facer si ou si"
Cultura • 16/01/2019
Autor: M. X. Queimaliños

A Concelleira de Cultura asegura que, malia a dimisión de Fernando Carreira Cuchi quen fora o director do festival de curtametraxes dende o seu inicio hai 14 anos, dende o Concello vanse buscar fórmulas para manter esta cita. O obxectivo é que neste ano se celebre a súa XV edición aínda que si recoñece que vai ser difícil que se manteña nas datas habituais ante a complexidade de organizar o evento en menos de catro meses.


"Non imos prescindir do festival, o Redondela en curto ten que seguir para adiante si ou si" en palabras da Concelleira de Cultura, Teresa París "non é unha actividade da que poidamos prescindir polo que traballaremos para que o festival non se perda".


Confirma a edil que o Redondela en curto celebrará neste 2019 a súa XV edición pero sen determinar as datas "logo da dimisión de Fernando Carreira que pilotaba o certame dende o seu inicio é moi difícil atopar quen o organice en tempo e forma en menos de catro meses. O máis probable é que teñamos que pospoñer a data da súa celebración pero non imos deixar de organizar un evento con tanto percorrido e que ten situado a Redondela no mapa das citas cinematográficas de toda Galicia e incluso toda España".


Amósase comprensiva coa decisión de Cuchi "sabemos que organizar un evento destas características supón moito esforzo e nos últimos anos xa nos tiña trasladado a súa intención de deixar a dirección". Non comparte, en todo caso, as súa críticas sobre a falta de implicación do Concello xa que asegura "houbo sempre unha colaboración permanente tanto por parte da Alcaldía como da Concellería". Engade que como director "tiña completa liberdade á hora de organizar o evento e que sempre se tentou facilitar as cousas e atender a todas as súas demandas mellorando os medios e os orzamentos". En canto aos atrasos dos pagos a proveedores ou premiados apunta París que "a Administración ten os seus trámites pero sempre se tentou facer todo o posible por axilizar as xestións respectando a legalidade".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: