www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 21 de Xaneiro de 2019

A Casa da Cultura acolle dúas charlas en torno á figura de Castelao
Cultura • 9/01/2019
Autor: M. X. Queimaliños

O ensaísta Miguen Anxo Seixas e o historiador Carlos López Bernárdez serán os encargados de analizar a figura do pai do nacionalismo galego,afondando nas súas múltiples facetas como narrador, dramaturgo, debuxante e político. Unhas xornadas que se desenvolverán os xoves 17 e 24 organizadas polo Servizo de Normalización Lingüística.


O obxectivo das charlas é contribuír á difusión de Castelao aproveitando ademais que neste intres concorren en Galicia dous feitos salientable como é a exposición da obra "Castelao maxistral" na Cidade da Cultura e "Alba de Gloria", exposta no San Domingos de Bonaval


Por esta razón organízanse dúas conferencias.  A primeira, o día 17 de xaneiro na Casa da Cultura ás 19:30, a cargo de Miguel Anxo Seixas. Este ensaísta presentou o pasado ano a súa tese de doutoramento na Universidade de Santiago de Compostela dedicada á conformar a biografía máis completa e detallada do rianxeiro. En breves datas sairá da Editorial Galaxia un volume que resume esta monumental investigación froito de varios anos de traballo.


A segunda conferencia, o día 24 de xaneiro tamén na Casa da Cultura ás 19:30, a cargo de Carlos López Bernárdez. Unha das pólas da súa investigación centrouse na pintura galega. É autor de diversos ensaios dedicados á historia pictórica de Galicia e foi comisario de numerosas exposicións de arte galega.


Ademais destas conferencias tamén se colocará en vindeiros días unha mesa vitrina nas instalacións municipais que mostran o libro Cousas da vida de Castelao, os seus debuxos humorísticos e retranqueiros.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: