www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 24 de Marzo de 2019

Un convenio entre o Concello e os comuneiros podería resolver o conflito co polígono de Amoedo
Política • 8/01/2019
Autor: M. X. Queimaliños

Os votos a favor da oposición permitiron aprobar no pleno un convenio entre o Concello e a Comunidade de Montes de Amoedo que busca resolver o conflito que mantén paralizado o polígono industrial logo de que a xustiza dera a razón aos comuneiros e lles outorgase a titularidade dos terreos. No caso de que o convenio vaia adiante os comuneiros poderían cobrar os alugueres das empresas e solventar a débeda de 500.000 mil euros que teñen co concello.


A Comunidade de Montes de Amoedo consegue, grazas a unha moción presentada e aprobada pola oposición, un preacordo que resolvería o conflito polo uso e goce dos terreos de Amoedo, en mans municipais.


No documento prevese un pagamento aprazado e fraccionado dos máis de 500.000 euros que lle reclama o concello para compensar os investimentos realizados sen consentimento en terreo comunal. Desta forma, o concello perdería por fin o dereito de retención sobre o polígono industrial e deixaría de cobrar os alugueres das empresas, que pasarían á comunidade de montes de Amoedo, propietaria recoñecida por sentenza dos devanditos terreos.


O presidente da comunidade de montes de Amoedo, Miguel Míguez, asegura que o goberno local vai poñer todas as trabas posibles e que buscará fórmulas para atrasar o traspaso efectivo dos terreos malia que ao seu entender o acordo beneficia as dúas partes "a comunidade recibirá os alugueres e poderá dar permiso para que novas empresas se asenten no polígono, a vez que o concello recibirá o medio millón de euros que temos que pagar e incrementará os seus ingresos cos impostos que peguen as novas empresas". Lembra ademais que tentaron chegar a acordo co goberno ou incluso compartir a xestión do polígono pero que nunca atoparon a man tendida.


O voceiro de Alternativa Veciñal, Luciano Otero, destacou a importancia deste avance porque "permite desbloquear unha situación que non favorece a ninguén, nin ós veciños, nin ao concello". O edil lembrou que, na actualidade, o concello non pode ampliar o polígono nin asinar contratos en parcelas novas, polo que " estanse a perder oportunidades" para a economía municipal. "Se seguimos así, o polígono de Amoedo acabará morrendo", sentenciou Otero.


A decisión última sobre o acordo queda agora en mans da xustiza, quen deberá ditaminar se a fórmula consensuada entre a oposición, maioría do pleno, e a Comunidade de Montes é válida.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: