www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 25 de Maio de 2019

O Club Bolboreta e Manolo "Casa Paco" entre os galardoados na II Gala do Deporte
Deporte • 26/12/2018
Autor: M. X. Queimaliños

O pavillón da Marisma acolle este venres 28 ás 20:00 horas a segunda edición da gala do deporte, unha iniciativa que busca premiar a aqueles deportistas, entidades ou clubs que destacasen pola súa contribución e promoción do deporte na localidade. Os nove seleccionados nesta ocasión son os deportistas Eloy Krook, Melania Sanjorge, Fran Somoza, Miguel Rodríguez e Alba Fernández. Recoñécese tamén ao adestrador Fran Teixeira e a Manolo Conde fundador do Grupo Casa paco 81. Unha gala na que se premiará tamén ao Club de patinaxe Bolboreta e a Rodavigo como entidade colaboradora.


O obxecto principal deste evento é recoñecer publicamente o esforzo, dedicación, sacrificio e, en definitiva, os propios valores que o deporte comporta, así como que sexa clara referencia para incentivar aos máis pequenos e a poboación en xeral para a práctica do deporte, segundo explicaba o edil Julio Mougán, quen confía en que a gala se consolide como unha cita bianual de celebración do deporte no municipio.


O gañador no apartado de mellor equipo foi o Club Patinaxe Artístico Bolboreta, que actualmente conta con 43 patinadores federados, ademais doutros 60 repartidos nas escolas deportivas.O premio ao mérito deportivo é para Manuel Conde, fundador do club Casa Paco 81.


Como mellor adestrador premiarase a Fran Teixeira, pola súa longa traxectoria nos bancos, con máis dunha década dirixindo ao Club Balonmán Chapela.


O mellor deportista masculino foi o xogador de balonmán Eloy Krook, que milita en Palma do Río, e a mellor deportista feminina Melania Sanjorge, campioa galega e de España de tiro con arco en sala nos últimos dous anos.


O mellor deportista con diversidade funcional foi Fran Somoza polos seus méritos en distintas disciplinas.


A mellor promesa masculina foi o xogador de fútbol Miguel Rodríguez, e como promesa feminina, a piloto de motocrós Alba Fernández.


Por último, Rodavigo recibirá o premio á mellor entidade colaboradora.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: