www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 24 de Marzo de 2019

Redondela, na historia do poeta García Lorca con Galicia
Cultura • 20/12/2018
Autor: Lorena Otero

Foi na estación de tren de Redondela onde o poeta granadino escoitou por primeira vez o son dun alalá con versos de Rosalía de Castro e así se lembra agora nunha placa que se pode ver no apeadoiro da estación. Unha homenaxe que se enmarca dentro das actividades da celebración do Día de Lorca en Galicia.


Redondela tamén ten o seu oco na historia do escritor “máis lido, traducido e vendido das letra hispánicas” como subliñaba o responsable do departamento de Normalización Lingüística de Redondela, Xurxo Martínez. En 1916, un novísimo Federico García Lorca, que non cumprira aínda os vinte anos, viaxa por primeira vez a Galicia, o seu destino, Santiago de Compostela. No traxecto fai transbordo en Redondela e, segundo está documentado, aquí foi onde escoitou por primeira vez os versos de Rosalía de Castro cantados nun alalá.


Ese emprazamento foi o escollido polo Concello para renderlle homenaxe a este autor e a ese contacto que tivo con Redondela e Galicia, “un orgullo”, segundo apuntaba a concelleira de Cultura, Teresa París. Un acto no que se puideron escoitar os seis poemas galegos de García Lorca, que foron publicados en 1935 na Editorial Nós con prólogo de Eduardo Blanco Amor.


“Chove en Santiago meu doce amor. Camelia branca do ar brila entebrecida ô sol...”, seis mulleres foron as encargadas de pórlle voz aos versos do poeta nun acto que remataba coa música de Samuel Diz e a descuberta dunha placa conmemorativa que lle servirá aos viaxantes para lembrar que o poeta máis universal das letras españolas tamén pasou pola estación de tren de Redondela.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: