www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 23 de Setembro de 2019

Cruceiro de Pasais: posta en valor ou actuación desafortunada?
Sociedade • 20/12/2018
Autor: M. X. Queimaliños

A Asociación cultural Alén Nós critica a actuación na contorna do Cruceiro de Pasais que ao seu entender deu como resultado "un conxunto dunha miseria considerable". Unha obra consistente na construción dunha pasarela para os peóns en paralelo coa estrada e que a Conselleira de Infraestruturas valoraba moi positivamente nunha recente visita a Redondela. Falaba Ethel Vázquez tanto dos beneficios que supón esta obra para os peóns ao mellorar a súa seguridade cando se desprazan por este tramo da PO-250 como pola "posta en valor do espazo no que se atopa un elemento patrimonial de grande interese, como é o Peto das Ánimas".


A intervención da Xunta nesta Ponte de Pasais, coñecida popularmente como Ponte de Xulián, supuxo un investimento de preto de 135.000 euros. O obxectivo era instalar unha pasarela metálica que garantise a seguridade dos peóns que circulan a pé por ese treito da estrada a Reboreda.


A actuación supuxo un cambio importante na contorna do Cruceiro e Peto de ánimas que se atopa alí ubicado pavimentándose en lousa este espazo. Unha obra que a titular de infraestruturas entende "pon en valor un elemento patrimonial de grande interese, como é o Peto das Ánimas considerado Ben de Interese Cultural (BIC).


Opinión ben diferente é a que manifestan dende a asociación cultural Alén Nós. Entende este colectivo que o resultado das obra "é un conxunto dunha miseria considerable, parecíalles pouco o poste de cemento pola dereita e colocáronlle un metálico pola esquerda".


Critican que na vez de indicar na sinalización as tres parroquias ás que se pode acceder dende ese punto (Reboreda, Quintela e Nespereira), se mesturen parroquias e barrios sen ningún criterio.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: