www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 21 de Xullo de 2019

Fran Teixeira: "En toda a miña carreira nunca vivín unha situación tan desagradable"
Deporte • 18/12/2018
Autor: Ana Prieto

Lamentable espectáculo o que esta pasada fin de semana se vivía no pavillón de Camariñas, onde foi necesaria a intervención da Garda Civil. Foi o equipo de Chapela o que solicitou a presenza dos axentes para garantir a súa seguridade tras os incidentes co equipo rival e o público, que saltou á pista. O adestrador do Chapela explica que a situación foi "moi desagradable" e que pasaron "medo".


O desagradable suceso, como explica o técnico Fran Teixeira, sucedeu no minuto 14 da segunda metade. Un xogador do Rodosa revolveuse despois de recibir un golpe e organizouse un balbordo entre xogadores ao que se sumaron persoas do público. Foron momentos de "tensión e de medo" os que se viviron na pista e no banco. Deuse a circunstancia que polas baixas que sobre o equipo estaban convocados tamén xogadores moi novos, como Pablo, de tan só 15 anos, que tiveron que vivir unha expercia "lamentable". Por parte dos árbitros a situación resolveuse a nivel regulamentario "tirando pola rúa do medio", como explica Teixeira, xa que expulsaron con cartón azul a dous xogadores locais (Fateira e Carril) e dous do Chapela ( Figueirido e Vidal). Ante a presión do público local sobre os redondeláns "con cánticos e insultos", o corpo arbitral deixou a criterio do BM. Chapela continuar o partido, que ían gañando, ou suspendelo. Os redondeláns decidiron rematar o partido, pero solicitaron a presencia da Garda Civil "para garantir a súa seguridade" no pavillón. Logo de hora e media de espera, xa que os axentes se desprazaban desde Corcubión, continuouse o partido. Finalizado o encontro, con vitoria do Rodosa Chapela por 27-33, e puideron abandonar Camariñas, protexidos pola Garda Civil, sen máis incidentes.


Recurso ante a Federación de Balonmán


Desde o club de Chapela xa enviaron un escrito á Federación de Balonmán para solicitar unha rectificación e deixar sen efecto os cartóns de Figueirdo e Vidal. Teixera explica que o único que fixeron foi "defenderse" das agresións do equipo rival e de afecionados locais. Relata que os levaron "acurralados" desde a portería do Camariñas "ata o outro extremo da pista". En canto ao video do encontro, que os clubs teñen a obriga de grabar, Teixeira sospeita que "non vai aparecer", porque escoitou ao adestrador do equipo local dar orden á persoa encargada da cámara de "borralo".


No estrictamente deportivo, o Rodosa Chapela con esta vitoria mantén a 5ª praza, e na próxima xornada recibirán en Chapela ao Cañiza, un posto por baixo dos redondeláns.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: