www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 19 de Novembro de 2019

Un rocódromo e un novo circuíto para bicicletas completarán a área recreativa do peirao de Arcade
Institucional • 13/12/2018
Autor: M. X. Queimaliños

Os traballos, que arrancarán nas vindeiras semanas, contan cun orzamento de 31.252 euros que serán financiados exclusivamente polo Concello. O obxectivo é incrementar o atractivo que o Peirao de Arcade xa esperta entre os máis novos.


O Concello de Soutomaior acaba de anunciar o seu proxecto de mellora da área recreativa do Peirao de Arcade. Os traballos comezarán nas próximas semanas e centraranse na reforma da actual pista de bicicletas, que contará cun novo circuíto de educación viaria, e a instalación dun rocódromo infantil. Ambas as actuacións suman un investimento de máis de 31.000 euros.


Para a instalación do novo circuíto de educación viaria procederase ao nivelado da actual pista de bicicletas para igualalo co bordo instalado actualmente e mellorar as condicións de seguridade e accesibilidade do circuíto. A continuación, acondicionarase a nova superficie e instalaranse as marcas viarias coas que os mozos ciclistas poderán aprender normas viarias de forma lúdica.


Do mesmo xeito, o novo rocódromo infantil contará cun pavimento flexible de 4cm adaptado á normativa de seguridade en parques infantís sobre o que se asentarán os dous novos elementos de escalada, que contarán con varias rutas de ascenso e diferentes niveis de dificultade para adaptarse ás capacidades de cada neno.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: