www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 21 de Xaneiro de 2019

Juan Amoedo Dasilva: "O C.D. Arcade chegará ata onde os xogadores queiran"
Deporte • 11/12/2018
Autor: Ana Prieto

O adestrador redondelán, técnico do Arcade, amósase moi satisfeito do rendemento do equipo. Recén ascendido a Primeira Autonómica, están a facer unha campaña espectacular. Suman cinco vitorias consecutivas, a última no campo do Gran Peña, e ocupan a sexta praza do grupo.


O técnico amósase orgulloso do traballo dos xogadores e de todo o corpo técnico, e non é para menos. O ascenso a Primeira Autonómica do Arcade foi a segunda escalada do equipo nos últimos anos, as dúas baixo a batuta de Amoedo Dasilva, que se fixo cargo do equipo en Terceira Autonómica. Todo un mérito para este novo adestrador de 28 anos, e que el comparte con todo o corpo técnico e cos xogadores. Moitos deles forman parte do equipo que xogaba cando el comezou no C.D. Arcade, e que medraron co equipo "con moito traballo, esforzo e ilusión". A comezos de temporada desde o club marcaban como obxectivo a permanencia. O presidente, Miguel García, auguraba que sería moi difícil, e que lles tocaría "sufrir". Pero o certo é que a piques de rematar a primeira volta, o C.D. Arcade ocupa a sexta praza do grupo, a tan só un punto de distancia de Pontevedra, Spt. Guardés, e Gran Peña. Semella que o obxectivo marcado a comezos de liga podería quedar curto, pero Amoedo quere ser prudende. O seu obxectivo segue a ser a permanencia, sumar canto antes os 40 puntos que lle garantan a salvación e despois chegar "a onde o equipo queira". Fala con orgullo e agradecemento "do compromiso" dos seus futbolistas, xa que malia que moitos recibiron ofertas doutros clubs, decidiron seguir apostando polo proxecto do C.D. Arcade. Os bos resultados son un "premio" a ese esforzo. A vitoria da pasada xornada no campo do Gran Peña por 0-3 foi moi especial para todos eles. Agora toca preparar a seguinte cita, será no Salgueirón ante outro dos equipos fortes do grupo, o Spt. Guardés. Amoedo confía en facer un bo partido co apoio do seu público, e seguir sumando.


Na estela dos irmáns Montes


Amoedo da Silva comezou como xogador na súa Redondela natal, no Casa Paco, e no Choco, onde comezou o seu papel como adestrador con tan só 21 anos. Foi artífice do ascenso do Choco B e doutros logros do filial. Actualmente, ademais de dirixir o C.D. Arcade, traballa tamén coas categorías inferiores do Celta. É un nome máis na lista de grandes técnicos do deporte redondelán. Afirma seguir o ronsel de Jacobo e Marcos Montes, que tamén pasaron polo Choco e o Arcade, e agora dirixen o Coruxo de Segunda B. Recoñece que poder dar o salto a profesional "é un soño", por iso segue a traballar cada día, formándose para ser o mellor técnico posible "cando chegue a oportunidade".

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: