www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 19 de Setembro de 2019

En galego máis aló da morte
Cultura • 10/12/2018
Autor: M. X. Queimaliños

Medio cento de persoas súmanse ao acto do Servizo de Normalización Lingüística celebrado este domingo no camposanto de Reboreda. Unha actividade enmarcada na campaña "En galego, agora e sempre" que busca promover o uso do galego en necrolóxicas, lápidas e actos fúnebres. O vindeiro domingo día 16 o acto repetirase na parroquia de Ventosela.


As persoas asistentes asinaron a declaración de vontade individual, pola cal escollen o galego como o idioma no cal queren ser lembrados (necrolóxicas, lápidas, actos fúnebres...) e descubriuse unha placa na entrada do camposanto de Reboreda para honrar a quen nos legou a cultura de Galicia.


Unha iniciativa do Servizo de Normalización Lingüística que quere así concienciar sobre o uso do galego nos actos fúnebres. Segundo explica Xurxo Martínez, técnico deste departamento municipal "é unha anomalía que persoas que falaron galego toda a súa vida, sexan lembradas con esquelas e lápidas só en castelán". De feito, só o 1% das lápidas de Galicia están en galego "cando un 80% dos enterrados falaron só galego en vida".


A campaña promove que os veciños asinen unha declaración pola cal se reivindican seren lembrados en galego ademais de colocarse placas nas entradas dos camposantos de "homenaxe e recordo para honrar aquelas persoas que mantiveron viva a nosa cultura e lingua". Por outra banda o SNL ten distribuído en negocios relacionados co sector funerario (floristerías, marmolarías...) un tríptico informativo da campaña. O SNL dispón de modelos de documentación administrativa para seguros de vida ou modelos de esquelas en lingua galega.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: