www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 13 de Decembro de 2018

Redondela promove o uso do galego nos actos funerarios
Sociedade • 7/12/2018
Autor: Ana Prieto

O Servizo de Normalización Lingüística de Redondela leva novamente adiante unha campaña para concienciar sobre o uso do galego nos actos fúnebres. Segundo explica Xurxo Martínez, técnico deste departamento municipal "é unha anomalía que persoas que falaron galego toda a súa vida, sexan lembradas con esquelas e lápidas só en castelán". Este domingo, día 9, convocan aos veciños de Reboreda a un acto no camposanto da parroquia.


"En galego, agora e sempre" é unha campaña impulsada pola Asociación de Funcionarios/as para Normalización Lingüística. Segundo datos oficiais, só o 1% das lápidas de Galicia están en galego "cando un 80% dos enterrados falaron só galego en vida", sinala Martínez. Retomando unha iniciativa na que o Concello de Redondela foi pioneiro, dende o SNL van levar adiante actividades diversas para impulsar o uso do galego por parte das familias no momento do pasamento dun ser querido. Colocaranse placas nas entradas dos camposantos de "homenaxe e recordo para honrar aquelas persoas que mantiveron viva a nosa cultura e lingua", explica o técnico do SNL. O obxectivo é concienciar as persoas sobre o uso do galego nun dos intres máis transcendentes da vida, como é a morte. A campaña convida a "sermos responsables de deixarmos en vida a nosa vontade de ser lembrados na lingua que falamos e legar este patrimonio cultural aos nosos sucesores". Esta campaña, á que se suma o Concello de Redondela dende o seu SNL, promove un acto de sinatura de vontades para que os veciños poidan facer constar o seu desexo de que o galego sexa a lingua "agora e sempre". Por isto, este domingo día 9, ás 13:15, no camposanto de Reboreda, convocan á veciñanza desta parroquia para participar nesta actividade. Será na entrada do camposanto e, en caso de choiva, na igrexa. Por outra banda o SNL ten distribuido en negocios relacionados co sector funerario (floristerías, marmolarías...) un tríptico informativo da campaña. O SNL dispón de modelos de documentación administrativa para seguros de vida ou modelos de esquelas en lingua galega.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: