www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 13 de Decembro de 2018

Soutomaior restaurará a ponte medieval de Comboa e potenciará a flora autóctona
Cultura • 5/12/2018
Autor: Ana Prieto

O Concello xa remitiu o proxecto á Secreataría Xeral de Patrimonio para a súa autorización final. Os traballos teñen un orzamento superior aos 48.000 euros, inclúen un novo pavimento de adoquín e a limpeza da contorna para eliminar especies invasoras.


O Concello de Soutomaior acaba de remitir á Secretaría Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia o seu proxecto de restauración da ponte medieval de Comboa. A actuación, que comezará unha vez recibida a autorización autonómica, comprende tamén a recuperación da contorna natural mediante a eliminación das especies invasoras como a mimosa. Os traballos de restauración comezarán coa retirada da capa de asfalto que actualmente cobre a calzada e a limpeza de todo o conxunto con métodos manuais e produtos non abrasivos "que garantan a prefecta conservación de todos os elementos orixinais da ponte". A continuación, instalarase un novo pavimento de adoquín granítico das mesmas características que o actual "para garantir a súa integración total coa estética do conxunto". O novo pavimento tamén aproveitará os aliviaderos propios da ponte de maneira que recuperará o seu sistema de drenaxe orixinal, cunha pendente transversal simétrica do 1%. Para rematar, levarase a cabo unha recuperación integral da contorna ambiental da ponte mediante a eliminación das especies de flora consideradas invasoras, como a acacia ou a mimosa, e a potenciación das especies autóctonas como carballos ou bidueiros. O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, explicou que se trata dun proxecto complexo porque as directivas de patrimonio para a restauración "son moi estritas", pero sinala que a ponte de Comboa "é un dos elementos máis representativos de Soutomaior e máis querido por todos os veciños", polo que merece lucir "en todo o seu esplendor".

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: