www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 13 de Decembro de 2018

O fiscal ultima a demanda contra Audasa polo colpaso na AP-9 durante as obras de Rande
Institucional • 29/11/2018
Autor: Ana Prieto

O fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes, confirmou que será unha demanda civil colectiva e afectará a 75 millóns de viaxes. Son os traxectos que se realizaron pola ponte de Rande e polos que a concesionaria cobrou a peaxe entre febreiro de 2015 e maio de 2018 malia estar en obras. De prosperar, os afectados poderán recibir indemnizacións se poden probar os desprazamentos.


O fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes, confirmou que a Fiscalía Provincial de Pontevedra ultima a demanda colectiva de cesación polo deficiente funcionamento da Autoestrada AP-9 na zona de Rande, desde o inicio das obras até o pasado verán. Do mesmo xeito que se actuou noutras cuestións como as vinculadas coa defensa de consumidores e usuarios en demandas colectivas fronte a empresas (operadoras de telefonía móbil ou de enerxía) por "prácticas abusivas na facturación", tamén se procederá no caso da autoestrada. Así o transmitiu Fernando Suanzes no transcurso da súa comparecencia na Comisión 1ª do Parlamento para presentar a Memoria do Ministerio Público, na que confirmou que o proceso está en dilixencias de investigación non penal. Explicou que está en dilixencias de investigación non penal, e que o obxectivo "é formular unha demanda colectiva ante Xulgado Mercantil que corresponda". Amosouse satisfeito porque a Fiscalía Provincial da Coruña "gañou preitos importantes contra Vodafone ou empresas de gas ou luz". A Fiscalía presentará a demanda civil contra Audasa por cobrar a peaxe desde febreiro de 2015 a maio de 2018 coa autoestraada en obras "polo que non estaría en condicións para ser considerada de pago". A demanda foi comunicada a Audasa polo fiscal e o seu importe será millonario, xa que o Suanzes estima que a indemnización tería que alcanzar os 75 millóns de desprazamentos que se realizaron durante esas datas. En canto aos afectados e a posibilidade de recibir indemnizacións por Audasa se prospera a demanda, fontes do Ministerio Fiscal sinalaron que se esixirá algunha proba, que sería relativamente sinxela no caso dos condutores con dispositivo de pago ou os que dispoñan de tickets para poder confirmar que foron usuarios da autoestrada durante o período en cuestión. Segundo o Ministerio Público, os condutores poderían chegar a recuperar 3.000 euros.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: