www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 13 de Decembro de 2018

Rande, entre as zonas costeiras que non cumpren os requisitos ambientais da UE
Institucional • 27/11/2018
Autor: Lorena Otero

Esta zona do litoral de Redondela é unha das cinco franxas da provincia de Pontevedra que segundo as análises da Xunta incumpren as esixencias ambientais de Bruxelas. En total foron identificados cen tramos fluviais e costeiros na nosa comunidade. As verteduras e a contaminación por bacterias ou alteracións do hábitat, son os problemas máis comúns.


A Xunta de Galicia localizou máis de cen tramos de ríos, encoros e áreas costeiras que incumpren as esixencias ambientais fixadas pola UE na Directiva Marco da auga. Trátase de augas afectadas por verteduras químicas, que sofren contaminación microbiolóxica como a presenza de bacterias ou parasitos, ou que sufriron alteracións no seu hábitat. Entre as masas danadas por problemas de contaminación ou alteracións, hai 63 ríos, 75 encoros, 13 zonas de transición entre áreas fluviais e o mar e 11 costeiras, segundo se recolle na revisión do documento de planificación hidrolóxica da conca Galicia-Costa.


Entre as zonas costeiras que non cumpren os requisitos ambientais fixados pola UE, hai áreas afectadas en Rande, Vilagarcía, Vigo, Moaña, e Marín, na provincia de Pontevedra. En canto ás áreas fluviais, na nosa provincia detectáronse dous tramos do río Umia ou os ríos Lérez e Lagares.


Nos controis realizados en 2017 detectouse un total de 492 masas de auga afectadas por verteduras, o que supón "un aumento significativo" respecto de hai tres anos cando eran 386. Con todo, a Consellería de Medio Ambiente non o achaca a un incremento da contaminación en ríos e augas costeiras senón a que existe "un mellor coñecemento" das verteduras.


Aínda que a data límite para garantir o bo estado ecolóxico das masas de auga é 2021, a Consellería de Medio Ambiente advirte do "risco de incumprilo", xa que na análise realizada o pasado ano aínda quedan 108 "que non cumpren os obxectivos ambientais".