www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 13 de Decembro de 2018

Cen anos do primeiro grupo escolar de Redondela
Cultura • 22/11/2018
Autor: Ana Prieto

O Centro Sociocomunitario de Redondela acolle mañá venres o acto conmemorativo do I Centenario do Grupo Escolar "José Figueroa". O Seminario de Estudos Redondeláns fará un percorrido pola súa historia nun acto no que se presentará unha exposición con paneis ao redor dun século de historia do ensino en Redondela.


Carlos Antuña, do Seminario de Estudos Redondeláns (Seren), salienta que a creación deste grupo escolar foi "un fito" na historia do municipio. Construído en 1918, comezou a funcionar en 1920, e convertiuse no primeiro gran centro de ensino redondelán, co que iso significou para a educación de varias xeracións de nenos e nenas. Antuña explica que desde o Seren teñen un interés especial polas "microhistorias" do municipio, nomeadamento no caso do Grupo Escolar "José Figueroa", ao estar boa parte dos seus membros relacionados co mundo do ensino. Desde o Seren salientan a importancia que este centro tivo para a educación de moitos redondeláns, que nalquel comezo do século XX non tiñan oportunidade de estudar. A escola foi posible grazas ás achegas dos emigrantes redondeláns, grazas á colaboración económica da asociación "Hijos del Partido de Redondela" de Río de Janeiro, da que José Figueroa era presidente. Con todo, o proxecto contou tamén con financiamento do Concello de Redondela, que fixo posible rematar as obras despois xa do falecemento de Figueroa, en 1912. O acto conmemorativo, no que agardan contar con mumeroso público, celebrase no que hoxe é o Centro Sociocomunitario, e que albergou este primeiro grupo escolar redondelán. Será mañá venres día 23, ás 20.00 horas, e conta coa colaboración do propio centro, o Concello de Redondela e a Xunta de Galicia.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: