www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 13 de Decembro de 2018

O BNG demanda que os orzamentos da Xunta inclúan a pilotaxe do Peirao de Cesantes
Política • 21/11/2018
Autor: Ana Prieto

Trátase dunha mellora comprometida desde o ano 2011, e que aínda no se materializou. Desde o BNG entenden que a Xunta debería investir arredor de 1,2 millóns de euros en Redondela, unha cantidade similar ao Plan Concellos da Deputación. Entre as propostas presentadas inclúen a renovación definitiva do peirao de Cesantes, así como a mellora da seguridade viaria na avda. De Vigo e Reboreda, e a construción dun aparcadoiro nas inmediacións do CEIP Outeiro das Penas.


O responsable local do BNG, Anxo Lusquiños, advirte que a eliminación do dique de Cesantes e a construción do peirao sobre pilotes converteuse nuha das principais demandas da confraría dende hai anos. Explica que incluír esta actuación nos orzamentos da Xunta "garantiría a rexeneración dunha zona moi degrada, ademais de contribuír a supervivencia dos bancos marisqueiros alí existentes ao permitir o paso natural das correntes mariñas". Lusquiños insiste na "urxencia" desta obra, comprometida xa dende o ano 2011 pero aínda sen materializar. Outra das propostas de investimentos refírese á mellora da seguridade viaria na avenidade de Vigo en Chapela, estrada de titularidade autonómica. Afirma que debe rematarse a instalación de redutores de velocidade e esixen que se adopten "as medidas necesarias para a eliminación do tráfico pesado". Tamén solicitan "a construción de beirarrúas, sistemas de redución de velocidade e pasos de peóns" na estrada que une Redondela con Amoedo, ao seu paso pola parroquia de Reboreda. Na mesma liña da seguridade viaria, demandamos que a Consellería adquira os terreos colindantes co CEIP Outeiro das Penas, en Cesantes, para a construción dun aparcadoiro "que se vén demandando desde hai anos por parte da comunidade educativa". Lusquiños sinala tamén a necesidade de construir un patio cuberto do colexio de Santa Mariña, "outras das promesas incumpridas de Javier Bas", apunta o nacionalista.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: