www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 13 de Decembro de 2018

Digna Rivas: "No PSOE estamos convencidos de que imos recuperar a alcaldía de Redondela"
Política • 19/11/2018
Autor: Ana Prieto

A concelleira e deputada provincial foi elexida pola militancia para encabezar a candidatura socialista nas eleccións locais do próximo mes de maio, logo de impoñerse á candidatura de Olga Rodríguez. Rivas ten claro que agora o socialismo redondelán "é un único grupo no que todos teñen cabida". Nos comicios do próximo ano sairán "a gañar para recuperar o Concello da nefasta xestión do goberno popular".


A militancia socialista elexiu onte á súa candidata nunhas primarias cunha alta participación que superou o 90%. Dos 106 afiliados con dereito a voto, 94 deixaron a súa papeleta. O resultado final foi axustado, con 50 votos para a candidatura de Digna Rivas, 40 para Olga Rodríguez e 4 en branco. Unha elevada participación que é motivo de "orgullo" para a gañadora, e que demostra a "fortaleza" do PSOE redondelán, motivo polo que asegura sentirse "feliz". Quedan agora seis meses para as eleccións municipais nas que Rivas Gómez optará á alcaldía de Redondela. Consciente de que ten moito traballo por diante, asegura que "a militacia terá a última palabra" na configuración do equipo que concorrerá ás municipais. Afirma que despois das primarias o partido redondelán "é un grupo unido" e que todos teñen cabida no proxecto de cara ás municipais "por suposto tamén Olga Rodríguez", da que Rivas fala "como amiga e compañeira". En canto ao posible resultados das eleccións, a candidata do PSOE non fai cábalas xa que "todo pode pasar" pero mantense firme ao asegurar que os socialistas "van sair a gañar para recuperar a alcaldía de Redondela". Asegura que despois do 26M, e en función dos resultados, o seu grupo estará disposto a sentarse a falar co resto de forzas políticas "como sempre fixo". Digna Rivas é desde hai case catro anos concelleira do grupo socialista en Redondela, e desde fai tres deputada provincial e responsable de Cohesión Social e Xuventude.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: