www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 13 de Decembro de 2018

Pladever demanda a extinción da central do Inferno e a restauración do curso do río Verdugo
Política • 16/11/2018
Autor: Ana Prieto

O BNG de Soutomaior levará a pleno unha iniciativa elaborada por Pladever (Plataforma en defensa do río Verdugo) e será tratada na sesión deste mes no Concello de Soutomaior. A dvirten que malia que a concesión para a explotacion da central rematou en 2017, a empresa Elecdey S.L. continúa a explotala, "o que supón un obstáculo para o curso natural do río cun importante impacto na súa fauna".


O colectivo ecoloxista Pladever solicitan que se extinga a concesión para a explotación da presa do Inferno, que na actualidade explota a empresa Elecdey S.L. Na iniciativa lembran que a concesión para a súa explotacion rematou no ano 2017 , pero a empresa continúa a explotar a central. Segundo se indica na moción que presentará o BNG no pleno deste mes, a empresa adxudicataria da concesión xa fora condenada no ano 2010 por un delito contra a lei de pesca, xa que a infraestrutra non contaba "nin con escada para que os peixes puideran remontar o río, nin con reixas que protexesen aos peixes das turbinas". Daquela a empresa foi condenada a pagar 33.000 euros de multa por delito contra a lei de pesca e obrigada a reducir o muro da central en 5 metros "para garantir os caudais ecolóxicos". A este respecto o portavoz municipal do BNG, Manu Lourenzo, destacou que "a restauración do curso natural do río Verdugo sería algo fundamental para recuperar especies como a troita, o salmón, o reo ou mesmo a lamprea" no río Verdugo. Sinala que, despois de 115 anos de explotación, "hai que devolverlle ao río o que é seu", o que redundará nun beneficio ecolóxico para a contorna e tamén sería positivo "para un sector económico fundamental para Soutomaior como é o dos anguieiros". Lourenzo explica que estas infraestructuras "ademais de obsoletas son moi pouco eficientes". Asegura que coa restauración do curso natural do Verdugo potenciaríase a pesca deportiva, e mellorarían os recursos para os anguieiros e o marisqueo "ao permitir que as correntes traballen". O voceiro do BNG tamén agradeceu "o traballo, rigor e solvencia" dos membros de Pladever que demostran que "defendendo o medio ambiente gañamos todos".

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: