www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 19 de Novembro de 2018

Teatro, xogos populares e música para todos os públicos no I Magosto da Sinha PACA
Cultura • 9/11/2018
Autor: Ana Prieto

O recinto da Feira do Gando acolle mañá sábado o primeiro magosto organizado pola Plataforma de activistas culturais e artistas Sinha PACA. Desde as 17.00 horas, haberá xogos populares, teatro da compañía "O Monifate Teatro" coa obra "A Caixiña Máxica" e os concertos de "Habelas Hainas" e "Pillabands". Non faltarán as castañas asadas, chourizos e chocolate con rosca. Ata as 24.00 horas.


Os colectivos Millo Verde e Arte Lixo organizan para mañá unha xornada festiva interxeracional, diversa e multicultural que arrancará ás cinco da tarde con xogos populares como o trompo, carreiras de sacos, o xogo das bolas e moitos máis. As actividades están abertas a xente de todas as idades, onde os maiores amosarán ás novas xeracións os xogos de rúa. Sobre as sete da tarde comezará o espectáculo de teatro a cargo da compañía compostelá "O Monifate Teatro" que porán en escea a obra "A Caixiña Máxica" para o público cativo. Cando arrencenda xa a castañas e chourizos asados subirán ao esceario "Habelas Hainas", grupo formado en Compostela por catro mulleres que, logo dunha traxectoria na música de raíz galega, forman este novo proxecto cun son enérxico, fresco e orixinal, e sempre baixo unha ollada feminista e de compromiso social. De seguido actuarán o grupo "Os Pillabands". Formado por músicos de Redondela e bisbarra, levan dous anos mesturando ritmos, desde a cumbia ao techno, pasando polo jazz e a muiñeira. Irene Campelos,membro da organización, anima ao público de todas as idades a participar nesta xornada festiva, ao tempo que lamenta "a falta de colaboración por parte da administración local".  Explica que, malia que solicitaron axuda formalmente ao Concello, tan só reciben como colaboración "a cesión dunha toma de auga".


Fanzine cultural da Sinha PACA


Xa está na rúa o primeiro número do "Fanzine cultural da Sinha PACA", que pretende sair o día 10 de cada mes e que conta con seccións de música, poesía, comic, cine e reportaxes. Pode atoparse nos bares e Centros Culturais de Redondela e parroquias. Tamén moi pronto en formato dixital.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: