www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 19 de Novembro de 2018

AER solicita reunións coas administracións para reclamar demandas históricas das veciñanza
Política • 30/10/2018
Autor: Ana Prieto

A Agrupación de Electores de Redondela vén de presentar solicitudes de xuntanza ante a Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e o Goberno de España reiterando "demandas veciñais históricas" de Redondela. As reposicións da AP-9, melloras no servizo do centro de saúde e nos xulgados, e máis seguridade viaria nas estradas provinciais e estatais son algunhas das demandas.


AER esixe que cada administración "asuma ás súas responsabilidades respecto ás súas competencias". Por parte da Deputación de Pontevedra solicitan unha reunión para demandar a construción de beirarrúas en varias estradas provinciais como a PO-2901 (Cesantes-O Viso-Alxán) e a PO-2906 (Os Valos-Guizán) naqueles tramos nos que non exista, completando así as beirarrúas xa construídas para dotar dun paso seguro aos peóns. Tamén solicitan que na estrada provincial que une as parroquias de Reboreda e Ventosela se tomen medidas para reducir a velocidade e mellorar e seguridade viaria con "lombos" nas inmediacións do colexio de Reboreda e nas zonas máis habitadas. Tamén esixen o arranxo do asfaltado na estrada que une as parroquias de Reboreda e Ventosela.


No tocante ás demandas para a Xunta de Galicia a lista é longa: desde máis recursos sanitarios para o Centro de Saúde de Redondela, con ampliación de horario, ata a dotación de persoal e medios suficientes nos Xulgados. AER solicita tamén a mellora da sinalización e infraestruturas do Camiño de Santiago que inclúa un acordo co goberno central para dotar de semáforos e pasos de peóns as interseccións do roteiro xacobeo coas estradas nacionais. Tamén inclúen temas medioambientais como as medidas de apoio comprometidas para a recuperación dos montes incendiados en outubro de 2017, e un plan de restauración e mellora de canles fluviais do municipio que favoreza o enriquecemento da biodiversidade da zona. Nes eido súmase a petición das infraestruturas de saneamento que eliminen vertidos directos a ríos, regatos e á Enseada de San Simón. En materia cultural solicitan da Xunta a recuperación de San Simón como "a Illa da Memoria", recoñecendo os feitos acaecidos nela durante a ditadura franquista. Para Chapela demandan a creación de aparcadoiros na parroquia, no entorno da Avda. de Vigo, e a construción dun vial alternativo para o tráfico pesado que se dirixe ás naves da contorna de Pescanova.


Máis longa aínda é a lista de demandas para o goberno central. En primeiro lugar a supresión da peaxe de Rande, a reposición inmediata dos servizos afectados pola da AP9 e as melloras comprometidas en Chapela e Trasmañó. Tamén esixen a paralización inmediata dos proxectos da Autoridade Portuaria de Vigo para ampliar a base de colectores en Rande. En materia de seguridade viaria demandan beirarrúas na N-555 entre Redondela e Aeroporto Peinador. Na N-550 esixen beirarrúas, pasos de peóns e semáforos á altura do CEIP Outeiro das Penas, no lugar do Muro en Vilavella, e rotondas que melloren a mobilidade en Cesantes e Saxamonde. En materia de infraestruturas ferriviarias demandan unha rede de tren de proximidade "digna e con frecuencias suficientes" para asegurar a conexión con Vigo, Pontevedra e O Porriño, que permita reducir o uso do automóbil privado. Tamén o mantemento e mellora dos apeadoiros de A Picota, Cesantes e construción dun apeadoiro en Chapela. En canto aos desperfectos provocados polas obras do AVE en Redondela, esixen compensacións por danos aínda existentes nalgunhas vivendas e a mellora ambiental dos terreos do Val do Maceiras degradados por esta actuación. A Agrupación de Electores de Redondela afirma que deste xeito poñen de manifesto a súa independencia, o que os diferenza doutros partidos tradicionais "que intensifican máis ou menos as demandas ante o resto de administracións segundo sexan das súa cor política ou non". Neste senso AER entende que a veciñanza de Redondela merece "un goberno da persoas sen ataduras partidistas e independente dos gobernos de Santiago ou Madrid".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: