www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 19 de Novembro de 2018

Un piñeiro araucano do Castelo de Soutomaior opta ao premio de mellor árbore europea
Sociedade • 26/10/2018
Autor: Ana Prieto

O obxectivo da Deputación de Pontevedra é que este especimen dos xardíns do Castelo de Soutomaior sexa declarado "Árbore Europea do 2019". A deputada delegada da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, Eva Vilaverde, instou a toda a cidadanía a votar pola única árbore galega entre as dez candidatas de España que opta a pasar á fase europea do concurso.


A deputada destacou que a candidatura encádrase dentro da campaña que fai a Estación Fitopatolóxica para poñer en valor todo o patrimonio natural e paisaxístico que hai na provincia. "Consideramos que é importante dalo a coñecer e poñelo en valor, porque somos un país especialmente rico en patrimonio natural e medioambiental. Hai que informar e formar sobre el para que se poida respectar e ao mesmo tempo coidar", apuntou. Vilaverde subliñou que hai múltiples motivos polos que destacar o piñeiro araucano como peza botánica, tanto dende o punto de vista da súa morfoloxía como pola súa historia dentro do Castelo de Soutomaior. De feito, a Araucaria araucana ten uns 150 anos, alcanza os 27 metros de altura -é das máis altas de España- e ten 2,67 metros de perímetro basal- está entre as de maior envergadura de Europa-, conta cunha verticalidade case perfecta e comeza a súa copa aos 21 metros. Trátase dun dos exemplares da flora alóctona galega "máis notable" do Catálogo de árbores e formacións senlleiras de Galicia dende a súa creación en 2007. Este piñeiro supón "unha rareza", dado o pouco frecuente que é esta especie adulta no país. A importancia desta árbore é tal, segundo apunta Vilaverde, que existen numerosas referencias bibliográficas da súa existencia en xornais e bibliografía desde 1879. A Deputación iniciará unha campaña de promoción para dinamizar a votación a favor da araucaria a través tanto da súa web como das redes sociais. Tamén se enviará información específica sobre a árbore senlleira aos centros escolares para que a raíz desta convocatoria poidan coñecela e visitala, así como tamén a institucións e entidades de educación ambiental.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: