www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 19 de Novembro de 2018

Ciencia divertida en Pazos de Borbén
Cultura • 23/10/2018
Autor: Ana Prieto

A Biblioteca Municipal de Pazos de Borbén celebra a I Semana da Ciencia en Galego. A iniciativa desenvolverase esta semana, do 24 ao 26, e contará con dous obradoiros dirixidos "a espertar o interese pola ciencia entre os rapaces e normalizar a divulgación científica en lingua galega".


A primeira das iniciativas, un taller de creatividade científica, terá aos alumnos do CPI Curros Enríquez como protagonistas. Jose Manuel Soto, responsable da Biblioteca Municipal, explica que os rapaces terán que usar "a súa imaxinación e os seus coñecementos para resolver diversos enigmas científicos". A segunda actividade, o museo itinerante titulado "prohibido non tocar", conta con máis de 70 obxectos que serán explicados por un equipo de científicos. Todas as explicacións son guiadas e de carácter lúdico e indagan en aspectos como as propiedades dos líquidos e gases, os efectos ópticos, a electricidade ou o magnetismo. As actividades serán realizadas polo equipo de Ciencia en Movemento. Unha iniciativa de varios científicos interesados en promover a cultura científica entre os estudantes dunha forma atractiva, interactiva e práctica. A iniciativa conta co apoio do Concello de Pazos de Borbén, a Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia e Abanca.


Certame de Relatos Curtos


A biblioteca tamén organiza por primeira vez o seu Certame de Relato Curto. A iniciativa busca potenciar a expresión e a comprensión escrita en galego ademais de fomentar o seu uso no ámbito literario. O prazo de presentación xa está aberto, e finalizará o 23 de novembro. O certame está centrado no ámbito educativo polo que só poderán participar os alumnos residentes no Concello de Pazos de Borbén que estean a cursar estudos de primaria ou secundaria nalgún dos centros educativos do municipio. O concurso contará con cinco categorías en función do curso escolar. Cada categoría contará con dous premios que consistirán nun libro electrónico e un lote de libros. A iniciativa está patrocinada pola Deputación de Pontevedra e conta coa colaboración da Fundación Filomena Rivero Alonso de Redondela.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: