www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 19 de Novembro de 2018

A Autoridade Portuaria prohibe o acceso ao antigo cargadeiro de Rande por risco de derrube
Institucional • 22/10/2018
Autor: Ana Prieto

O avanzado estado de deterioro o cargadeiro de mineral, pechado hai 40 anos, levou ao Porto de Vigo a pechar o acceso ás instalacións tanto por terra como por mar. Varios carteis advirten do perigo de derrube. Tamén solicitan a Capitanía Marítima que prohiba a navegación na contorna do cargadoiro polo risco de desprendementos.


O informe realizado polos peritos fala do "perigoso estado" do cargadeiro, e mesmo evitaron inspeccionar algunhas zonas polo risco de esborralle.Trátase dunha medida de seguridade implementada pola Autoridade Portuaria para evitar accidentes. Coa advertencia da prohibición pretenden disuadir a curiosos e pescadores, que en ocasións se achegan a esta infraestrutura industrial. Segundo os técnicos hai perigo de derrube en todo o peirao. O ente portuario non ten intención de conservar esta instalación, senón retirar toda a estrutura de ferro e manter a liña de atraque para barcos en reparación ou de longa estancia. Un obxectivo que topou co rexeitamento dos veciños e do alcalde, Javier Bas. O presidente da Autoridade Portuaria, Enrique López Veiga, paralizou o proxecto e encargou unha análise sobre o estado do peirao. O informe dos peritos é rotundo, e advirte do calamitoso estado de toda a estrutura. A gran afluencia de público á conmemoración da Batalla de Rande, esta pasada fin de semana, levou ao Porto a colocar uns letreiros prohibindo o paso e advertindo do perigo. Tamén se dirixiron á Capitanía Marítima solicitando que prohiba a navegación na contorna do cargadoiro polo risco de desprendementos. Está previsto que se balice a contorna do cargadeiro e se informe da prohibición a todas as confrarías de pescadores, clubs náuticos e portos deportivos da ría.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: