www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 19 de Novembro de 2018

Nespereira pide máis implicación da administración na mellora do monte un ano despois dos lumes
Sociedade • 19/10/2018
Autor: Ana Prieto

A parroquia de Nespereira lembra estes días os graves incendios de outubro de 2017. A Comunidade de Montes aproveitou o aniversario para advertir "da necesidade de estar preparados para a vindeira crise". Afirman que é preciso limitar a presenza do eucalipto nos montes e aumentar a superficie de frondosas para frear os lumes. Demandan tamén máis axuda da administración "á hora de cambiar a situación dos montes".


En outubro de 2017 o lume levou por diante case todo o monte en Nespereira, e puxo en perigo a parroquia. Ao cumprirse un ano, a Comunidade de Montes en Man Común de Nespereira quixo lembrar ese dramático episodio cunha xornada de "lembranza e convivencia", celebrada o pasado día 12, e a proxección dun vídeo con imaxes daquela fatídica xornada do 15 de outubro. A directiva taménagradeceu a labor dos veciños que coa súa axuda "permitiron que se salvaran casas, propiedades e parte do monte comunal". Advirten os comuneiros que os lumes "son cada vez máis perigosos". O abandono fai que a vexetación se achegue ás casas, e o cambio climático provoca máis sequía e altas temperaturas. Un cóctel que aumenta o risco de incendios, que cada vez son máis graves. A Comunidade de Montes de Nespererira advertiu da necesidade de estar preparados para a vindeira crise "que máis tarde ou máis cedo, se vai repetir". Insisten na necesidade de limitar a presenza de eucalipto nos montes, así como aumentar a superficie de frondosas "que axudan a crear biodiversidade e a frear os lumes". Parroquias como Nespereira levan anos sufrindo lumes recorrentes "cada 10 ou 12 anos". Os incendios degradan o monte e tamén causan importantes perdas económicas. Recoñecen que moitas comunidades non están en situación de afrontar o custo que supón recuperar eses espazos naturais. Por iso demandan unha maior implicación da administración, á que piden axuda "para mellorar a situación dos nosos montes".

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: