www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 19 de Novembro de 2018

A Biblioteca Municipal de Soutomaior mellora a accesibilidade e crea un nova aula multimedia
Sociedade • 19/10/2018
Autor: Ana Prieto

A Biblioteca Municipal de Soutomaior en Arcade contará cun novo ascensor que permitirá o acceso a persoas con mobilidade reducida. A mellora das instalacións, que inclúe tamén a instalación dunha nova aula de informática, comezará nas próximas semanas e conta cun orzamento de 38.730 euros.


O novo elevador contará cunha carga útil de 400 kgs e "permitirá aos veciños con problemas de mobilidade facer uso de todos os servizos da biblioteca municipal", segundo destacou o alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera. Para completar a mellora de accesibilidade reformarase a entrada da biblioteca eliminando os dous chanzos exteriores e substituíndoos por unha rampla antiescorregadiza. Tamén se substituirán as portas actuais por un sistema automático de corredera que facilitará o acceso.


Nova aula multimedia


A outra gran mellora planeada nesta reforma da biblioteca é a nova aula de informática que servirá para impartir cursos de novas tecnoloxías e alfabetización informática, pero tamén para o apoio escolar e cun horario de uso libre para navegar por internet e realizar todo tipo de tarefas informáticas. "Esta nova aula contribuirá a facilitar o acceso ás novas tecnoloxías por parte de todos os veciños, especialmente aqueles de maior idade e que apenas están familiarizados con internet", destacou Reguera. A aula estará dotada dunha pantalla táctil interactiva de 65" para impartir os cursos e sete novos equipos informáticos.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: