www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 19 de Novembro de 2018

Javier Bas: "Se en Pontevedra non nos escoitan, levaremos a protesta a Madrid"
Política • 17/10/2018
Autor: Ana Prieto

O alcalde entregou esta mañá na Subdelegación do Goberno un manifesto "en defensa dos dereitos dos veciños de Redondela". Apoiado por máis dun cento de veciños, o rexedor levou a Pontevedra o escrito no que o Concello esixe a realización "inmediata" das obras de mellora comprometidas en Chapela e Trasmañó, así como a supresión da peaxe de Rande. Avanzou que, se non se atenden as demandas de Redondela, trasladarán a protesta a Madrid.


Un total de 65 colectivos veciñais, sociais, culturais e deportivos do municipio apoiaron o manifesto que esta mañá entregaba o alcalde, Javier Bas, na Subdelegación do Goberno en Pontevedra. Máis dun cento de redondeláns acompañaron ao rexedor na concentración que se celebraba ás 11.00 da mañá ás portas do edificio. Moitos deles trasladáronse nos tres autobuses fletados polo Concello para tal fin. Bas lamentou que a subdelegada, Maica Darriba, non recibise a unha delegación encabezada polo propio rexedor para expoñerlle as súas demandas, e acúsaa de "falta de sensibilidade" cos problemas dos veciños de Chapela e Trasmañó. En canto ás críticas dos grupos da oposición que cualifican o manifesto de "partidista", Bas rexéitaas de pleno. Afirma que o texto recolle "as mesmas reivindicacións que o pleno da corporación aprobou por unanimidade en varias ocasións". Bas asegura que na concentración desta mañá "non había bandeiras de ningún partido, e todos acudiron na defensa dos intereses dos veciños de Redondela". O alcalde avanzou que o luns da próxima semana celebrarase en Madrid unha comisión mixta entre o goberno galego o central, no que se exporán os problemas que existen en Chapela e Trasmañó derivados da ampliación da AP-9. Ademais o próximo día 24 está convocada unha comisión de seguemento das obras en Redondela. O alcalde confía en que acudan todas as administracións implicadas e ratifiquen os compromisos adquiridos polo anterior goberno. Esixen a realización inmediata das obras de mellora comprometidas en Chapela e no paso superior de Trasmañó, a colocación das pantallas acústicas no tramo de Chapela e a supresión inmediata da peaxe de Rande. No caso de non ter resposta a estas reivindicacións nas xuntanzas da próxima semana, o alcalde anuncia o traslado das protestas a Madrid. Avanza que se reunirán na capital dos respresentantes parlamentarios dos diferentes partidos para facerlles chegar as demandas dos veciños de Redondela.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: