www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 20 de Outubro de 2018

Espectáculo de danza "EntreSoños" no Multiúsos da Xunqueira
Cultura • 4/10/2018
Autor: M. X. Queimaliños

O programa de Outonoteatro que organiza a Concellería de Cultura inclúe tamén nesta edición un espectáculo de danza a cargo da compañía de Fran Sieira. Entresoños é unha obra de baile e música tradicional galega dirixida por Sieira e dende unha visión contemporánea a través dos ollos do director artístico David Vilariño, con música orixinal de Anxo Pintos.A obra poderá verse este sábado 6 de outubro ás 20.00 horas no Multiúsos da Xunqueira. O prezo da entrada é de 7 euros entrada xeral, 5 euros entrada reducida para estudantes, xubilados e desempregados.


Un espectáculo que combina o relato e o baile, a interpretación e a música, en lingua galega orientada a público adulto. Tres artistas bailadores e cantadores, que acompañan a Fran, Aida Tarrío e Xisco Feijoó, que ao son da música de Anxo Pintos e nun escenario deseñado por Vanessa Hernández "dannos unha visión dos soños que nos levan a lombos das nosas inquietudes, frustracións e onde podemos ser todo aquilo que desexamos, cunha coidada estética, iluminación, vestiario e sutil atmosfera onde reproducir os nosos mellores e peores soños".


Ademais a compañía de Fran Sieira vai celebrar unha master class con bailaríns e bailarinas de Redondela, en colaboración coa academia de Déborah Alfaya.


Nas vindeiras semanas o programa do Outonoteatro inclúe teatro familiar coa compañía Culturactiva e a obra "Saaabor" o día 14 ás 18:00 horas con entrada de balde e a obra Raclettte o día 27 de outubro coa compañía Ibuprofeno teatro.


"Rosalía, unha vida" de Kepler Teatro o 3 de novembro e Sopa de Sapo o domingo 11 de novembro serán as encargadas de pechar o ciclo no vindeiro mes.


 


 


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: