www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 20 de Outubro de 2018

O Concello liderará as protestas contra Fomento se non hai un compromiso en firme para Chapela
Política • 2/10/2018
Autor: M. X. Queimaliños

O alcalde de Redondela, Javier Bas, lanza un ultimato ao Ministerio de Fomento. Co gallo da visita a Galicia do seu titular, José Luis Ábalos, que previsiblemente estará este mércores en Santiago, anuncia que o goberno local mobilizará aos axentes sociais no caso de que o ministro non achegue "datas e prazos concretos para a realización das obras pendentes na parroquia de Chapela e a fin da peaxe en Rande".


Acompañado dos representantes da Asociación de Afectados pola AP-9, Javier Bas denuncia a falta de avances nos compromisos que tanto Audasa como Fomento adquiriran cos veciños de Chapela. "A situación non avanza dende a chegada de Pedro Sánchez ao goberno, vivimos unha situación de incerteza porque dende maio todo está pendente de que o proxecto no que se recollen as melloras para Chapela pasen polo Consello de Ministros".


Un proxecto que incluiría a reposición de viarios no ámbito de Chapela e Trasmañó así como a inclusión das prometidas pantallas acústicas para minimizar o ruído do tráfico na autoestrada e outras melloras pendentes por valor de seis millóns de euros. A estas obras habería que engadir a gratuídade da peaxe no tramo entre Rande e Vigo, sen data prevista.


Lamenta Bas que a administración do estado "está a ningunear a Redondela" xa que malia ter solicitado o pasado 11 de xuño unha petición para abordar esta cuestión coa Subdelegación do goberno "polo de agora non tivemos resposta, o que demostra que "non hai sensibilidade cos veciños que durante todos estes anos están sufrindo as obras da ampliación da AP-9".


Entende o alcalde de Redondela que "unha vez superados os cen días de cortesía é o momento de actuar e non caso de que nas próximas horas non se nos dean prazos concretos convocaremos mobilizacións do mesmo xeito que xa o fixeramos no 2011".


Dende a Asociación de Afectados comparten a indignación do goberno local "esiximos que o actual ministro asuma os compromisos adquiridos polo seu predecesor e que bote a andar os proxectos de mellora".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: