www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 11 de Decembro de 2018

Manuel G. Vicente, o fotógrafo das rochas
Cultura • 2/10/2018
Autor: M. X. Queimaliños

O que era un "pasatempo" cobra agora vida en forma de exposición. Unha escolma de 35 imaxes tomadas por Manuel Vicente nas súas visitas a costa "eu quería fotografar o mar, pero é imposible recoller nunha imaxe todos os matices que presenta: o movemento, o cheiro, o vento, o son das ondas... e acabei recollendo en imaxes as rochas". A mostra pódese visitar ata o vindeiro 20 de outubro no Multiúsos da Xunqueira. A exposición chega avalada por Cal3 Fotografía Soc.Coop. Galega.


Bailando entre rochas é o nome elixido para bautizar este traballo de Manuel G. Vicente. "a miña exposición máis persoal" recoñece o fotógrafo que logo de ter feito outros traballos por encargo decide agora amosar unhas imaxes que forman parte do seu arquivo fotográfico e que foi almacenando ao longo de anos.


"Os paseos ao longo da costa leváronme a tomar imaxes das rochas e pedras que atopaba polo camiño, ao final atópaste cunha colección inxente de fotografías e decidín amosar aquelas que pola súa luz e cor me parecen máis atractivas" explicaba Vicente na inauguración da exposición. Insiste en que a súa paixón "é o mar e a meteoroloxía", pero o mar como elemento para fotografar "é un puro fracaso".


Insiste en que a mostra que se pode ver no Multiúsos non é un catálogo de pedras senón imaxes daquelas que pola súa luz, pola súa cor e polo resultado final máis lle apetecía amosar.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: